- Persoal da empresa impartirá nesta localidade un novo curso de formación presencial sobre autoxestión da materia orgánica.
- Terá lugar este mércores, 27 de outubro, ás 17:00 horas, sendo o obxectivo do mesmo reforzar os coñecementos dos usuarios e despexar as súas dúbidas.
- A día de hoxe xa son 120 as familias boirenses que tratan in situ a materia orgánica xerada, transformándoa en compost.
Cerceda, a 25 de outubro de 2021.- Técnicos de Sogama impartirán este mércores, 27 de outubro, na localidade coruñesa de Boiro, un curso de formación presencial sobre compostaxe doméstica dirixido aos veciños que decidiron participar nesta iniciativa. Terá lugar ás 17:00 horas.
A día de hoxe, xa son 120 as vivendas unifamiliares boirenses que autoxestionan a súa materia orgánica no fogar e recupéranna en forma de abono, que regresa á terra como fertilizante natural.
Os composteiros, con capacidade para 400 litros, así como os manuais didácticos de apoio foron proporcionados por Sogama de forma gratuíta, sendo o obxectivo deste encontro que os usuarios teñan a oportunidade de reforzar os seus coñecementos e consultar todas as dúbidas.
Cabe lembrar que o Concello de Boiro adheriuse ao programa de compostaxe doméstica promovido por esta compañía pública no ano 2019, cando Sogama impartiu no municipio o primeiro curso de formación dirixido aos 30 fogares participantes. En 2020 estendeuse a 25 máis e, en 2021, foron 65 as novas familias que decidiron sumarse a esta iniciativa, con grandes beneficios ambientais, económicos e sociais, constituíndo ademais todo un exemplo de economía circular.
Máis información en www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación