- A través dun programa combinado de charlas en centros educativos e sociais, e visitas ao complexo medioambiental de Cerceda, profundou en temáticas de máxima actualidade tales como a contaminación por plásticos, o desperdicio alimentario e a compostaxe doméstica.
- No primeiro caso, recordou que o 80% dos residuos que acaban no mar ten a súa orixe en terra, dando lugar a un problema que ameaza gravemente os ecosistemas mariños, a fauna, a pesca, o turismo e a propia alimentación humana.
- Respecto do desperdicio alimentario, sinalou que un terzo da comida que se produce no mundo para o consumo humano acaba refugada, dando lugar a un negativo impacto ambiental, económico, social e moral.
- No ámbito da compostaxe doméstica, explicou as súas vantaxes e a oportunidade que este sistema brinda para garantir a reciclaxe da materia orgánica en orixe, devolvéndoa ao solo en forma de nutrientes.
Cerceda, a 1 de marzo de 2019.- Durante os meses de xaneiro e febreiro do ano en curso, e a través dun programa combinado de visitas ao complexo medioambiental de Cerceda e charlas impartidas en distintos centros educativos e colectivos sociais, Sogama instruíu a máis de 2.000 cidadáns no principio europeo dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe).
O consumo responsable erixiuse en todos os casos no soporte estrela da formación, que se alimentou coas boas prácticas na redución, no máximo aproveitamento dos produtos e na separación dos residuos por tipoloxías e posterior depósito dos mesmos nos contedores axeitados; un xesto fundamental para propiciar o reciclado.
Pero os educadores de Sogama foron máis aló e expuxeron algúns dos problemas máis acuciantes que asolan o noso planeta como é o caso da contaminación mariña por plásticos e o desperdicio alimentario.
NON AOS PLÁSTICOS DUN SÓ USO
No primeiro caso, recordaron que o 80% dos residuos que acaban nos océanos teñen a súa orixe en terra, de aí a importancia de que os hábitos asociados á nosa forma de vida sexan respectuosos coa contorna. Chamaron a atención sobre as ameazas que os refugallos plásticos supoñen para os ecosistemas mariños, para os animais, toda vez que os inxiren ao confundilos con alimento, ocasionándolles moitas veces a morte, para a pesca, para o turismo e, por suposto, para a cadea alimentaria. Os plásticos fragméntanse en diminutas porcións que poden acabar na mesa a través do peixe e a sal que comemos cada día. Os expertos auguran que, se non se pon freo a esta situación, en 2050 haberá máis plásticos que peixes no mar.
Algúns países xa tomaron cartas no asunto e prohibiron os plásticos dun só uso tales como cubertos, pratos, vasos e palliñas, entre outros. Campañas como a de Mares Limpos de ONU Medio Ambiente traballan intensamente para eliminar malas prácticas e conseguir que cada vez sexan máis os Estados, empresas e cidadáns involucrados nun plan de acción que poña fin ao lixo no mar.
APROVEITAR A COMIDA E COMPOSTAR O RESIDUO ALIMENTARIO
Pola súa banda, o desperdicio alimentario emerxe como outra gran preocupación. Refúgase un terzo dos alimentos que se producen no mundo, cos conseguintes prexuízos ambientais, económicos, sociais e morais. Mentres tiramos comida ao lixo, millóns de persoas morren de fame. Neste sentido, Sogama proporciona pautas para actuar con coherencia e responsabilidade: facer unha lista da compra, diferenciar entre data de caducidade e data de consumo preferente, axustar as cantidades ao número de comensais, aproveitar as sobras, colaborar cos bancos de alimentos e facer compost co residuo alimentario. E aquí entra de cheo a compostaxe doméstica, unha técnica sinxela e asequible, que pode levarse a cabo en vivendas unifamiliares que dispoñan de horto ou xardín no que aplicar o compost resultante, convertendo a materia orgánica nun abono natural con excelentes propiedades fertilizantes.
Saúdos, Departamento de Comunicación