- Estará representada polo Xefe de Control Técnico e Económico, Calidade e Medio Ambiente, Pedro Alcázar, quen explicará o cometido desta empresa pública, melloras industriais acometidas nos últimos anos e accións de futuro.
- O evento, promovido conxuntamente por Residuos Expo e a revista técnica Retema, terá lugar o próximo 19 de novembro (17:00, hora española; 10:00, hora mexicana).
- Na sesión tamén intervirán Alicia García Franco, directora xeral de FER, e Jose Miguel Latasa, director do Centro Integral de Residuos de Mataró.
Cerceda, a 12 de novembro de 2020.- O Xefe de Control Técnico e Económico, Calidade e Medio Ambiente de Sogama, Pedro Alcázar, participará no webinar que, baixo o título “O futuro da xestión de residuos: reflexións entre España e México”, promove conxuntamente Residuos Expo e a revista técnica Retema, tendo lugar o próximo 19 de novembro, ás 17:00 (hora española) e 10:00 (hora de México).
No transcurso da sesión repasaranse aspectos comúns na xestión de residuos en ambos países e daranse a coñecer os programas e proxectos desenvolvidos por España na materia a fin de que sirvan de punto de referencia para empresas, deseño de políticas e iniciativas mexicanas.
APORTANDO COÑECEMENTO
O webinar estará conducido e presentado por Javier Calderón, xerente do Grupo Ecolimpio, unha empresa mexicana especialista na xestión de refugallos industriais, remediación e enfoque circular.
Xunto con Pedro Alcázar, intervirán Alicia García Franco, directora xeral de FER (Federación Española da Recuperación e a Reciclaxe), e vicepresidenta de EuRIC, quen efectuará unha radiografía do sector, destacando os aspectos máis relevantes da lexislación vixente, tanto en Europa como en España. Pola súa banda, Jose Miguel Latasa, director do Centro Integral de Residuos de Mataró, aportará a visión dunha empresa xestora en relación a necesidades, melloras e investimentos tecnolóxicos.
O Xefe de Control Técnico e Económico de Sogama explicará o cometido desta empresa pública en Galicia, que dá servizo a 295 concellos (máis de 2.242.000 habitantes), a súa firme aposta pola innovación, o incremento da capacidade do seu complexo medioambiental nun 81%, pasando de 550.000 toneladas anuais a 1.000.000, e o seu obxectivo máis inmediato, que é alcanzar o vertido técnico cero. Así mesmo, falará do rigoroso cumprimento da lexislación vixente no eido do control ambiental.
As persoas que desexen inscribirse, deben facelo a través desta ligazón:
https://us02web.zoom.us/webinar/register/WN_aUVOnCSqRx2fh4FJznamtw