- Será Pedro Alcázar, xefe de Control Técnico e Económico, Calidade e Medio Ambiente, o encargado de representar a esta empresa pública nunha cita coa que se pretende poñer en valor a recuperación de residuos a través da súa reciclaxe e compostaxe, relegando a valorización enerxética para a fracción resto
- O obxectivo deste evento é dar a coñecer alternativas para resolver a gran problemática existente ao redor da disposición final dos residuos en Latinoamérica e o Caribe
Cerceda, a 21 de xuño de 2022.- A Sociedade Galega do Medio Ambiente foi convidada a participar na IV Conferencia Panamericana de Aproveitamento Térmico( Waste to Energy) e Valorización de Residuos, que terá lugar en Medellín (Colombia) os días 22, 23 e 24 de xuño.
As distintas sesións desenvolveranse baixo un formato híbrido (presencial e virtual), pretendendo con isto facilitar a participación nacional e internacional neste evento, así como promover as interaccións entre os asistentes e a presenza dun grupo amplo de empresas.
Unha vez máis, será Pedro Alcázar Arévalo, xefe de Control Técnico e Económico, Calidade e Medio Ambiente de Sogama, o encargado de representar a esta empresa pública nunha cita coa que se pretende poñer en valor a recuperación de residuos a través da súa reciclaxe e compostaxe, relegando a valorización enerxética para a fracción resto.
A súa intervención terá lugar mañá, mércores, día 22, e farao cun relatorio no que explicará o tratamento da fracción orgánica contida nos residuos urbanos a través de distintas técnicas de compostaxe.
Durante esta mesma xornada, portavoces doutros países tales como República Checa e Canadá darán a coñecer as súas experiencias en valorización e aproveitamento dos residuos municipais.
WtE, A SOLUCIÓN PARA OS RESIDUOS NON RECICLABLES
As conferencias maxistrais e académicas previstas para os días 23 e 24 de xuño (máis dunha vintena), profundarán, entre outras temáticas, no aproveitamento térmico dos residuos, operativa e vantaxes de WtE, requisitos técnicos e comerciais da mesma, emisións de distintos sistemas de tratamento e optimización dos recheos sanitarios.
O obxectivo desta Conferencia Panamericana, promovida pola SAI (entidade gremial fundada fai máis dun século que agrupa a enxeñeiros e arquitectos do departamento de AntioquIa, en Colombia) e que terá lugar no novo centro Fórum UPB, é precisamente divulgar as alternativas para resolver a gran problemática existente ao redor da disposición final dos residuos en Latinoamérica e o Caribe, e abordar o gran potencial que teñen para acoller parques ambientais con plantas de separación, de biogás e de Waste to Energy, que beneficiarían tanto ás empresas como ao Estado e á sociedade en xeral.
Saúdos, Departamento de Comunicación