- Está a disposición dos internautas na web corporativa e en https://vimeo.com/492851809
- No mesmo dáse conta do posicionamento vangardista desta empresa pública en Europa, contando hoxe coa planta máis moderna e eficiente do continente.
- A maior capacidade desta infraestrutura, que pasou de 550.000 toneladas anuais a 1.000.000, permitiu á compañía chegar ao vertido técnico cero 15 anos antes do establecido polo Parlamento Europeo para todos os Estados membros.
Cerceda, a 5 de xaneiro de 2021.- Como homenaxe á ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda, que viu incrementada a súa capacidade de tratamento nun 81% (pasando de 550.000 toneladas/ano a 1.000.000) trala posta en marcha dunha nova planta para a recuperación de materiais contidos no lixo en masa e a remodelación da antiga de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, Sogama lanza un vídeo explicativo da súa actividade en tres idiomas (galego, castelán e inglés), dando conta do seu posicionamento vangardista en Europa.
A estratexia dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) guía o seu cometido con máis forza que nunca, dispoñendo dunha instalación que, seguindo os principios da industria 4.0, consegue seleccionar os materiais reciclables contidos no lixo en masa a fin de convertelos en novos produtos e propiciar o aforro de enerxía e materias primas virxes. Toda unha contribución ao camiño xa trazado en Galicia cara á economía circular e que prima a menor xeración de residuos e a transformación destes en recursos.
Así o leva a cabo Sogama, propiciando a reciclaxe da fracción de refugallos susceptible de ser reciclada e valorizando enerxeticamente o resto con todas as garantías ambientais. De feito, coa parte non reciclable a compañía produce a enerxía equivalente ao 12% da consumida polos fogares galegos. Para isto utiliza as tecnoloxías máis innovadoras e de última xeración que lle permiten compatibilizar a actividade industrial coa protección do medio ambiente e a saúde.
Un traballo permanente (24 horas ao día durante os 365 días do ano) orientado a prestar o mellor servizo público aos galegos e no que o transporte gañou tamén en eficiencia e sostibilidade ao lograr que o 55% dos residuos producidos por máis de 2.242.000 habitantes se transporten ao seu complexo industrial de Cerceda por ferrocarril, un medio máis respectuoso coa contorna e con menores molestias para a cidadanía.
VALORIZACIÓN DA MATERIA ORGÁNICA E VERTIDO TÉCNICO CERO
A compostaxe, tanto doméstica como industrial, forma parte da súa folla ruta. A primeirA, xa con arraigo, conta coa adhesión de 358 entidades (concellos, centros educativos e colectivos sociais) entre as que Sogama distribuíu máis de 14.500 composteiros, xunto con material divulgativo e a impartición de cursos formativos presenciais e online.
Á súa planta de compostaxe industrial sita en Cerceda, e que dá servizo aos municipios limítrofes, sumaranse outras tres plantas de biorresiduos que se emprazarán nas provincias de Pontevedra, Lugo e Ourense.
Con estas accións, Sogama alcanzou o vertido técnico 15 anos antes do establecido polo Parlamento Europeo para todos os Estados Membros. Tendo en conta de que os vertedoiros son os verdadeiros inimigos da sostibilidade, os esforzos da compañía están dirixidos a que só se verta aquela parte do lixo que non pode ser reciclada nin valorizada enerxeticamente.
Sogama é hoxe a infraestrutura das súas características máis moderna e eficiente de Europa. Grazas á colaboración dos 295 concellos adscritos ao seu sistema, á dos cidadáns e á das persoas que traballan nesta empresa, temos cada día unha Galicia mellor. “Somos un equipo que loita hoxe para deixar un mundo máis próspero mañá. Confiamos en poder contar contigo”.
Para visualizar o vídeo, pincha aquí: https://vimeo.com/492851809
Saúdos, Departamento de Comunicación