- Baixo o título “Faite responsable da túa cesta”, enmárcase na Semana Europea da Prevención de Residuos, que este ano quere chamar a atención sobre a necesidade de diminuír a cantidade de comida que acaba no cubo de lixo
- Aínda que o desperdicio alimentario ten lugar en toda a cadea (desde a produción ata o consumo de produtos), o certo é que o fogar leva a maior porcentaxe: un 60%
- A guía achega unha serie de recomendacións orientadas ás familias, á vez que fai referencia á valorización da parte non comestible dos alimentos a través da compostaxe doméstica e industrial
Cerceda, a 20 de novembro de 2024.- No marco da Semana Europea da Prevención de Residuos, que este ano se celebra entre o 16 e o 24 de novembro, Sogama lanza unha guía didáctica “Faite responsable da túa cesta” coa que pretende deixar constancia do impacto ambiental, económico e social, ademais de moral, que ten tirar comida ao cubo do lixo.
A guía contextualiza a problemática a nivel mundial e achega cifras que convidan á reflexión. Por exemplo, segundo datos do Programa para o Medio Ambiente da ONU, os fogares de todos os continentes desperdiciaron en 2022 o equivalente a máis de 1.000 millóns de comidas cada día, e isto mentres 783 millóns de persoas padecían fame e un terzo da humanidade atravesaba unha delicada situación de inseguridade alimentaria.
O fogar constitúe, por excelencia, o lugar no que se rexistra o desperdicio alimentario en maior medida: 60%, fronte ao 28% correspondente aos provedores de servizos alimentarios e ao 12% do comercio minorista.
Máis aló do económico e social, o desperdicio alimentario ten un gran impacto ambiental, xa que en todas as etapas polas que atravesan os alimentos, desde a súa produción ata o seu consumo, xéranse gases de efecto invernadoiro que contribúen ao cambio climático.
Recomendacións para os consumidores
A guía incide en que, cando desperdiciamos un alimento, desperdiciamos tamén a enerxía, o terreo, a auga, o combustible e o traballo investido no seu cultivo, transporte, envasado e comercialización.
Entre as recomendacións para diminuír o desperdicio alimentario, figuran, en primeira instancia, a necesidade de planificar un menú semanal, facer unha lista da compra e cinguirse á mesma, calcular as cantidades en función dos comensais e axustar as racións. E se sobra comida, aproveitala para novas receitas.
Tamén abunda na necesidade de non deixarnos levar polos cánones estéticos dos produtos, xa que as froitas, verduras e hortalizas “imperfectas” e “feas” teñen as mesmas propiedades nutritivas que as “guapas”, de manter a orde no fogar, tanto na neveira como na despensa, debendo colocar os produtos perecedoiros nun lugar visible para consumilos antes, e distinguir entre data de caducidade e data de consumo preferente. Mentres que a primeira indica o momento para partir do cal un produto pode ser prexudicial para a saúde, a segunda refírese ao momento no que un produto pode perder calidades (textura, presenza, sabor), pero non representa unha ameaza para a saúde.
A parte non comestible tamén se aproveita
A compostaxe doméstica e o industrial son dúas excelentes alternativas para aproveitar a parte non comestible dos alimentos e transformala en abono natural, con importantes propiedades fertilizantes para o solo.
A día de hoxe, un total de 474 entidades (231 concellos, 211 centros educativos e 32 colectivos sociais) están adscritas ao programa de autocompostaxe de Sogama, tendo repartido a Sociedade entre as mesmas, e con carácter gratuíto, máis de 22.700 composteiros.
Pola súa banda, e en relación á compostaxe industrial, a Xunta, a través de Sogama, puxo en marcha unha rede de infraestruturas para a valorización da fracción orgánica conformada por 4 plantas de biorresiduos, unha por provincia (Cervo, Cerceda, Vilanova de Arousa e Verín) e 13 plantas de transferencia de apoio, de tal forma que a práctica totalidade dos concellos adheridos a Sogama dispoñen dunha planta de transferencia ou de compostaxe a menos de 50 km de distancia, permitíndolles aforrar custos, tanto ambientais como económicos.
Cartel campaña: https://www.sogama.gal/sites/default/files/campanha/material/2024-11/a3_gallego_sogama_desperdicio_alimentario_3.pdf
Guía didáctica: www.sogama.gal/sites/default/files/campanha/material/2024-11/gallego_sogama_desperdicio_alimentario_presentacion_0.pdf
Saludos, Departamento de Comunicación