- O presidente executivo desta empresa pública, Javier Domínguez, subliña que, con este cambio de imaxe, "pretendemos transmitir, de forma máis nítida, os valores de Sogama: limpeza, protección, empatía, solidariedade, amabilidade, versatilidade e, por suposto, o rigor e a honestidade que sempre a caracterizaron".
Cerceda, a 11 de xaneiro de 2021.-Tras tres décadas co seu logotipo orixinal, a Sociedade Galega do Medio Ambiente vén de lanzar unha nova marca corporativa a través da cal se pretende dar maior visibilidade aos esforzos investidos durante os últimos anos para facer fronte aos retos, tanto actuais como de futuro, no ámbito da sustentabilidade, contemplando a dimensión ambiental, económica e social.
Tras unha primeira etapa de implantación do sistema de xestión de residuos promovido por esta entidade pública, á que seguiu outra de consolidación, douse un xiro creativo á marca, en liña cos novos obxectivos medioambientais. Con isto, quérese evidenciar unha clara aposta pola modernidade e a innovación, así como unha maior proximidade aos cidadáns. Porque é precisamente o benestar e calidade de vida dos galegos e galegas a razón de ser do servizo público que esta Sociedade presta na nosa comunidade, concretamente a máis de 2.240.000 habitantes que residen en 295 concellos.
Trátase dun cambio que afecta de forma global á imaxe da compañía: desde a tipografía ata as cores, que se fan máis vivas, impregnándoa dun carácter diferenciador co fin de facela máis recoñecible nos distintos soportes de comunicación.
De forma máis nítida, e tal e como subliñou o presidente executivo, Javier Domínguez Lino, "pretendemos transmitir os valores de Sogama: limpeza, protección, empatía, solidariedade, amabilidade, versatilidade e, por suposto, o rigor e a honestidade que sempre a caracterizaron".
O novo símbolo que identifica á entidade evoca a economía circular e a esencia de Galicia a través das súas cores: verde (bosques), amarelo (sol do sur) e azul (mar).
Con esta imaxe renovada, Sogama entra no 2022 poñendo os cimentos sobre os que se asenta a xestión dos residuos urbanos conforme ás directrices estipuladas pola Unión Europea, traballando da man da Administración autonómica e local para facer de Galicia todo un exemplo de sustentabilidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación