- Ademais da propia xestión dos residuos recibidos no mesmo, o concurso contempla a operativa do conxunto de instalacións que acolle este recinto, así como o mantemento postclausura e a execución das obras de selado definitivo de distintos vasos de vertido.
- O prazo de execución do contrato é de 4 anos, cunha prórroga excepcional de 9 meses.
- Engádese unha cláusula de modificación por se fose necesaria a execución dun novo vaso (o número 4), que estará condicionada á evolución do proceso de enchido das celdas previas.
Cerceda, a 15 de novembro de 2019.- O Consello da Xunta, na súa reunión de onte, acordou autorizar a licitación, por parte de Sogama e un importe próximo aos 41 millóns de euros, a xestión integral do seu vertedoiro de residuos non perigosos ubicado no lugar de Areosa (Cerceda- A Coruña), cuxa actividade complementa a desenvolvida no Complexo Medioambiental.
A licitación comprende a propia xestión dos residuos recepcionados no vertedoiro, así como a das instalacións que acolle este recinto, isto é, depuradoras de ósmose inversa, planta de biogás e planta de compostaxe industrial.
Así mesmo, contempla o mantemento postclausura do vertedoiro, xunto coa xestión de gas e lixiviados producidos, ademais da execución das obras de selado definitivo dos noiros norte e sur das fases 2 e 3.
Adicionalmente, o contrato, cun prazo de execución de 4 anos e unha prórroga excepcional de 9 meses, inclúe a previsión dunha modificación, que se traduce na execución do novo vaso 4 e que, en todo caso, estará condicionada á evolución do proceso de enchido das celdas previas.
2020: VERTIDO TÉCNICO CERO
Grazas ás políticas de eficiencia industrial aplicadas por esta empresa pública nos últimos anos, logrouse optimizar o labor do Complexo Medioambiental, que pasou de tratar 482.031 toneladas en 2008 a 603.439 toneladas en 2018, é dicir, un 25,19% máis, mentres que, no mesmo período, reduciuse o depósito de residuos no vertedoiro nun 50%.
Dado que a Sociedade viña recibindo 800.000 toneladas anuais de refugallos e a capacidade nominal do Complexo estaba limitada a 550.000, a compañía abordou un proxecto de ampliación desta infraestrutura que se materializou coa posta en marcha dunha nova planta para a recuperación de materiais contidos no lixo en masa e a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.
Desta forma, o Complexo viu incrementada a súa capacidade nun 81%, pasando a xestionar actualmente 1 millón de toneladas anuais, circunstancia que lle permitirá tratar en condicións óptimas os residuos procedentes dos 295 concellos adscritos ao seu modelo (é dicir, os xerados por máis de 2.242.000 habitantes) e ata os do resto de Galicia se así fose necesario.
Esta mellora reforzará a súa achega á reciclaxe e propiciará un menor vertido, prevendo chegar en 2020 ao vertido técnico cero (10%). Polo tanto, só se levará a vertedoiro aquela parte do lixo que non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente, o que permitirá que Sogama dea cumprimento, con 15 anos de antelación, ás esixencias europeas en materia de vertido.
En 2018 esta empresa pública depositou en vertedoiro o 28,5% dos residuos, unha porcentaxe moi inferior ao dos outros sistemas galegos e moi afastada tamén da media española, que ascende ao 53,59%.
Saúdos, Departamento de Comunicación