- Situarase no polígono industrial e estará equipada coas tecnoloxías máis innovadoras para operar coa máxima eficiencia, dispoñibilidade e respecto ambiental
- Estas instalacións actúan como nódulo de transvasamento dos residuos desde os camións de recollida municipal a contedores de gran capacidade, sen que haxa almacenamento, manipulación nin tratamento de residuos
Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2022.- A Xunta de Galicia, a través de Sogama, acaba de licitar por 2.033.880,03 euros, IVE incluído, a obra de execución dunha planta de transferencia de residuos urbanos no concello pontevedrés de Arbo. Ademais da redacción do proxecto, o contrato inclúe o deseño, construción, subministración, montaxe e posta en marcha da instalación, así como a súa xestión integral.
Tal e como se anunciou no seu momento, esta instalación virá substituír á actual microplanta situada na localidade veciña da Cañiza, que non puido ser ampliada no propio municipio por falta de terreos que cumprisen os requisitos técnicos establecidos. É por iso que a de Arbo prestará servizo aos catro concellos adscritos actualmente á da Cañiza, isto é, Arbo, A Cañiza, Crecente e Covelo.
As cinco microplantas actuais serán substituídas por plantas de transferencia de maior capacidade a fin de que nas mesmas se transvase, ademais do residuo convencional ou fracción resto, os materiais procedentes da recollida selectiva do contedor amarelo —envases de plástico, latas e briks— e, proximamente, do contedor marrón, que os concellos galegos deben implantar, por lei, antes do 31 de decembro de 2023.
A planta de Arbo situarase no polígono industrial e estará equipada coas tecnoloxías máis innovadoras para que a súa operativa se leve a cabo baixo as premisas de máxima eficiencia, dispoñibilidade e respecto ambiental.
As empresas interesadas neste contrato poderán presentar as súas ofertas ata as 14,00 horas do vindeiro 4 de febreiro.
ACTIVIDADE RESPECTUOSA COA CONTORNA
Cómpre lembrar que o labor das plantas de transferencia é actuar como nódulo de transvasamento dos residuos desde os camións de recollida municipal a contedores de gran capacidade que contan con todos os mecanismos de seguridade e son aptos para ser transportados a longas distancias.
Nestas instalacións non hai almacenamento, nin manipulación, nin tratamento de residuos, cinguíndose a súa función á transferencia, propiciando desta forma que se transporten máis toneladas nunha soa viaxe.
Iso tradúcese nun importante aforro ambiental tanto polas menores emisións de CO2 á atmosfera como polos custos que supón para os concellos e, polo tanto, para os propios cidadáns.
A pesar da súa sinxela operativa, estas plantas de transferencia están dotadas das medidas de protección ambiental máis esixentes, entre as que cómpre mencionar unha nave pechada que impide a emisión de ruídos ao exterior da instalación; equipos de aspiración e filtrado de aire nas tolvas de descarga que evitan a emisión de po e cheiros; sistema de depuración de augas; e contedores pechados para o transporte de residuos, que garanten que este se realiza nas mellores condicións hixiénicas e de seguridade.
REDE DE INFRAESTRUTURAS PARA IMPLANTAR O CONTEDOR MARRÓN
Galicia conta na actualidade cunha rede conformada por 37 plantas de transferencia, das que 20 están baixo a titularidade de Sogama, funcionando con total solvencia e garantías.
En todo caso, e dado que os concellos galegos deben implantar por lei antes do 31 de decembro de 2023 o contedor marrón para a recollida separada da materia orgánica, permitindo desta forma a súa posterior transformación en compost, a infraestrutura deseñada pola Xunta para este fin —que estará conformada por 4 plantas de biorresiduos e 13 plantas de transferencia, incluída a de Arbo— entrará en operación a finais deste ano.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda