- Trátase das plantas de Lugo, Narón (A Coruña), San Cibrao das Viñas e A Rúa (Ourense), Silleda, Vigo e O Porriño (Pontevedra), que contarán cunha tolva específica para o transvase da fracción orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón.
- A adaptación destas 7 plantas complementarase coa construción de 6 máis que, sumadas ás 4 de biorresiduos, fan un total de 17 as instalacións que conformarán a rede de valorización da materia orgánica.
- Con esta infraestrutura, a Xunta de Galicia pretende que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
Cerceda, a 17 de decembro de 2021.- No marco da nova rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica mediante a súa conversión en compost, conformada por 4 plantas de biorresiduos e 13 plantas de transferencia de apoio, Sogama saca a concurso, por un importe de 2.708.585 euros, a obra de execución de novos puntos de transvase de FORSU (Fracción Orgánica contida nos Residuos Urbanos) nun total de 7 plantas de transferencia, isto é, Lugo, Narón (A Coruña), San Cibrao das Viñas e A Rúa (Ourense), Silleda, Vigo e O Porriño (Pontevedra).
A licitación divídese en 5 lotes. O primeiro aglutina ás plantas de transferencia de Lugo e Narón; o segundo, ás de Silleda e San Cibrao das Viñas; o terceiro, á planta de Vigo; o cuarto á do Porriño; e o quinto, á planta de transferencia da Rúa. O importe das accións a executar en todas elas ascende a un montante total de 2.708.585 euros.
REDE CONFORMADA POR 17 INFRAESTRUTURAS
A adaptación destas 7 plantas mediante a habilitación dun punto de transferencia para a materia orgánica, complementarase coa construción de 5 plantas máis, que virán substituír a outras tantas microplantas (Curtis, Ponteceso, Riotorto, A Lama e Arbo). Dotaranse de maior eficiencia e capacidade, estando preparadas para transvasar, ademais do residuo convencional (bolsa negra), o procedente do contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) e do marrón (materia orgánica recollida de forma separada a través do contedor marrón). Tamén se levantará unha nova planta de transferencia no polígono industrial do Concello de Cee, que virá a substituír á que está a operar no Monte do Son.
Dado que os entes locais, conforme á normativa europea, teñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar a recollida selectiva do contedor marrón e, malia que se trata dunha competencia municipal, a Xunta axudaralles a dar debido cumprimento ás súas obrigas legais e porá á súa disposición esta rede de instalacións. O seu obxectivo é que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama (295 en total, que aglutinan a unha poboación de máis de 2.240.000 habitantes) dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
Se todo segue o seu curso, esta infraestrutura, para a que se estimou un investimento de máis de 38 millóns de euros (procedendo 30 millóns dos Fondos FEDER como resposta da Unión Europea á crise do Covid) estará operativa a finais de 2022.
Saúdos, Departamento de Comunicación