- Esta empresa pública pretende poñer en valor un material 100% reciclable e que responde perfectamente aos preceptos da economía circular.
- A recuperación final do vidro retirado será acreditada polo adxudicatario a través dos correspondentes certificados expedidos pola vidreira ou planta recicladora autorizada.
- Non obstante, e co obxectivo de verificar a información aportada, contarase cunha entidade auditora externa a fin de garantir a achega de datos explícitos ás administracións públicas.
Cerceda, a 15 de xuño de 2020.- Sogama licita, por 3.060.000 euros (IVE incluído), a recuperación do vidro con punto verde contido no material inerte seleccionado na planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible e que, polo tanto, foi incorrectamente depositado polo cidadán na bolsa negra (fracción resto), cando o seu destino debería ser o iglú verde.
Desta forma, a empresa pública pretende poñer en valor un material 100% reciclable e que responde perfectamente aos preceptos da economía circular.
O labor do adxudicatario inclúe a carga do material no depósito de inertes e transporte ata as instalacións de tratamento, onde se procederá á separación dos residuos de envases de vidro con punto verde do resto de materiais, garantindo así o cumprimento das especificacións de calidade necesarias que permitan a súa posterior recuperación.
ACREDITACIÓN DA TRAZABILIDADE
A recuperación final do vidro retirado será acreditada a través dos correspondentes certificados expedidos pola vidreira ou planta recicladora autorizada, dando conta da trazabilidade do material.
A fin de garantir a viabilidade do contrato, a cantidade anual que, como máximo, poderá certificarse para o seu abono, ascende a 18.000 toneladas e, a mínima, a 9.000 toneladas. O incumprimento deste obxectivo facultará a Sogama a resolver o contrato anticipadamente e a aplicar as penalizacións contempladas no prego de condicións.
Non obstante, e coa pretensión de contrastar a veracidade da información recollida no certificado de trazabilidade do residuo e de aportar datos explícitos ás administracións públicas sobre obxectivos de reciclado que se axusten á normativa vixente, incorpórase un procedemento expreso de verificación e un plan de auditorías ás instalacións de xestión do adxudicatario.
A entidade auditora será designada por Ecovidrio e unicamente aportará os datos que sexan estrictamente necesarios para os fins legais referenciados.
O contrato, estipulado inicialmente para tres anos, contempla unha prórroga dunha anualidade.
O prazo de entrega de ofertas finaliza o próximo 10 de xullo, ás 14:00 horas.
Saúdos, Departamento de Comunicación