- Con capacidade para 360-400 litros, deben estar fabricados con materiais reciclados e reciclables, dispoñer de sistema de baleas corredeiras e antivento, así como de illamento térmico e ventilación máxima, e ser fáciles de montar
- O obxectivo de Sogama é ampliar a rede de compostaxe doméstica que lidera en Galicia, no marco da cal repartiu máis de 21.100 composteiros entre 459 entidades, e promover a reciclaxe da materia orgánica en orixe, en aplicación do principio de proximidade
Cerceda, a 27 de novembro de 2023.- Co fin de ampliar a rede de compostaxe doméstica que Sogama lidera en Galicia e promover a reciclaxe da materia orgánica en orixe, en aplicación do principio de proximidade, Sogama licita, por 239.580 euros, a subministración, distribución e almacenamento dunha nova partida de 3.000 composteiros, que serán repartidos en distintos puntos da comunidade.
Con capacidade entre 360 e 400 litros, os recipientes deben reunir unha serie de características técnicas tales como estar fabricados con materiais reciclados e reciclables, dotados de sistema de baleas corredeiras e antivento, así como de illamento térmico e ventilación máxima. Tamén deben ser lixeiros e fáciles de montar por parte dos usuarios, sen necesidade de ferramentas ou parafusos, con posibilidade de ser baleirados por calquera das caras e, por suposto, dispoñer do certificado de cumprimento da normativa europea.
Cabe lembrar que, no marco da lexislación vixente en materia de residuos, a valorización da materia orgánica mediante a súa transformación en compost de calidade constitúe unha das principais vías coas que propiciar un maior reciclado e avanzar cara a un modelo de crecemento baseado na economía circular.
A autoxestión dos biorresiduos trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais, resultando de gran axuda na prevención e redución da xeración de refugallos. Neste sentido, os composteiros facilitan que a transformación dos restos orgánicos en compost se leve a cabo dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente, á vez que se recupera unha práctica tradicional no rural galego.
Más de 21.100 composteiros repartidos
A día de hoxe, Sogama repartiu, de forma gratuíta, máis de 21.100 composteiros entre 459 entidades (225 concellos, 201 centros educativos e 32 colectivos sociais), asumindo tamén os labores de formación e concienciación da cidadanía a través da impartición de charlas e cursos, así como e a edición de material didáctico de apoio orientado aos usuarios.
O obxectivo é que os veciños participantes dispoñan dunha guía no fogar que lles permita coñecer a mellor localización para o composteiro, que debe colocarse, preferiblemente, nunha zona sombreada, protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, así como a relación de materiais que deben -e non deben- introducirse no mesmo, o control de parámetros tales como a temperatura, o osíxeno e a humidade, e a forma de solucionar as incidencias máis frecuentes.
En todo caso, o obxectivo é que os usuarios obteñan un abono natural de alta calidade que cumpra con todos os requisitos esixidos na normativa vixente e que poida ser aplicado na agricultura e xardinería con garantías e sen restricións.
Saúdos, Departamento de Comunicación