- Este proxecto, GRESINT, enmárcase na 3ª convocatoria do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP 2021-2027), e no mesmo participan, por parte de Galicia, o CITIC (UDC), e, por parte de Portugal, LIPOR e a Universidade de Beira Interior (UBI)
- Dotado con máis de 787.000 €, terá unha duración de 3 anos, sendo a súa pretensión mellorar o proceso de clasificación de envases a través de tecnoloxías intelixentes e contribuír a alcanzar os obxectivos europeos de reciclaxe
- O proxecto contempla tres pilotos nas plantas de Sogama e LIPOR, orientados a optimizar a sensorización, dotalas dunha capa de intelixencia artificial e incorporar a robotización
- Adicionalmente, inclúe a creación dun Aula virtual de sensibilización tecnolóxica no ciclo da xestión dos residuos
Cerceda, a 16 de novembro de 2023.- Sogama resultou adxudicataria dun proxecto europeo financiado con Fondos FEDER que, baixo o acrónimo de GRESINT, está orientado á transformación dixital intelixente no proceso de recollida e clasificación de residuos de envases.
En concreto, o proxecto foi elixido no marco da terceira convocatoria do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP 2021-2027) e conta cunha dotación de 787.544,67 euros, prevendo a súa finalización en xuño de 2026 (duración de 3 anos).
Ademais de Sogama, en calidade de líder e beneficiario principal, forman parte do mesmo, no caso de Galicia, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, e, no caso de Portugal, a Asociación de Municipios para a Xestión Sostible de Residuos de Grande Porto (LIPOR) e a Universidade de Beira Interior (UBI).
Contribuír aos obxectivos de reciclaxe
A pretensión de GRESINT, un proxecto transversal e innovador que combina tecnoloxía, sostibilidade e circularidade, é avanzar na innovación e a transformación da xestión de residuos a través de tecnoloxías intelixentes que melloren a clasificación dos envases e logren impactar no resto da cadea de valor, isto é, na recollida, selección, reciclaxe e valorización. Desta forma, contribuirá a alcanzar os obxectivos europeos de reciclaxe, permitindo introducir no ciclo produtivo materiais recuperados de alta calidade que substituirán aos virxes, conforme aos preceptos da economía circular.
Actividades técnicas e de divulgación
Para levar a cabo o seu labor, o proxecto contempla unha serie de actividades tales como a elaboración dunha Axenda de Dixitalización do proceso de xestión de residuos, xunto cun catálogo de tecnoloxías intelixentes existentes no mercado que poidan resultar relevantes na mellora dos procesos industriais, así como unha folla de roteiro para a implementación das tecnoloxías crave identificadas, que serán testadas mediante tres pilotos nas plantas de Sogama, en Cerceda, e LIPOR, en Porto.
Con estes pilotos preténdese optimizar a sensorización durante a selección dos residuos; dotar aos sistemas dunha capa de intelixencia artificial para procesar grandes cantidades de datos e extraer a información que realmente sexa útil e relevante para a toma de decisións; e incorporar a robotización, mellorando así a clasificación e o control de calidade.
Os datos xerados nas dúas plantas almacenaranse e xestionaranse nun Data Lake, que permitirá un acceso fácil e seguro para o seu uso na Plataforma de Intelixencia Artificial conxunta, propiciando que se adestre mellor o algoritmo e se logren mellores resultados.
GRESINT inclúe tamén accións de formación e comunicación para dar a coñecer os pormenores a distintos sectores poboacionais da Eurorrexión (cidadáns, administracións e técnicos), concienciando sobre a importancia da correcta clasificación dos residuos en orixe para propiciar a súa posterior recuperación e a gran axuda que poden representar as tecnoloxías intelixentes para alcanzar maiores cotas de reciclaxe.
Neste sentido, prevense recursos tales como a elaboración dunha guía técnica do proceso de transformación dixital no sector da xestión de residuos, así como de pílulas audiovisuais, destacando a creación dun Aula virtual de sensibilización tecnolóxica no ciclo da xestión dos residuos.
Saúdos, Departamento de Comunicación