- Un técnico ao servizo da empresa pública desprazarase mañá, día 14, a este centro, onde impartirá tres sesións formativas orientadas ao alumnado de Química Ambiental, e nas que detallará o circuíto que seguen os residuos desde que se producen ata que se recuperan.
- Vigo conta cunha planta de transferencia (Guixar) onde os refugallos da urbe (bolsa amarela e bolsa negra) son transvasados desde os camións de recollida municipal a contedores de gran capacidade que viaxan en tren ata o Complexo Medioambiental de Cerceda para recibir tratamento.
Cerceda, a 13 de abril de 2021.- Un técnico ao servizo de Sogama desprazarase mañá, día 14, á cidade olívica para manter un encontro con alumnos e alumnas de Química Ambiental do CIFP Manuel Antonio. Impartirá tres sesións formativas nas que explicará a actividade industrial desta empresa pública e o circuíto que seguen os residuos correspondentes á bolsa negra (contedor verde xenérico) e bolsa amarela (contedor amarelo), desde que se xeran nos fogares ata que son recuperados.
No caso da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks), os materiais son separados por tipoloxías na planta de clasificación do Complexo Medioambiental de Cerceda e remitidos aos centros recicladores para ser convertidos en novos produtos.
Respecto da bolsa negra (lixo convencional), a entidade, valéndose das tecnoloxías máis innovadoras existentes no mercado, segrega a parte susceptible de ser reciclada (ata 11 tipoloxías de refugallos), que remite á industria transformadora, e co resto acondiciona un combustible CDR que é valorizado enerxeticamente con todas as garantías ambientais. De feito, coa enerxía eléctrica producida no Complexo cercedense poderíase abastecer unha cidade como Vigo.
Así mesmo, achegaranse detalles da loxística e transporte de residuos no modelo Sogama, tendo en conta que a compañía dispón dunha rede conformada por 37 plantas de transferencia, sendo unha delas a de Guixar, que dá servizo exclusivo a Vigo. Desde alí, os refugallos son transportados por ferrocarril ata Cerceda para ser procesados e tratados conforme ás súas características.
Tamén se abundará no principio europeo do tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), prioritario na xestión sostible dos residuos urbanos, e a importancia que ten a colaboración cidadá a través do consumo responsable, a menor produción de lixo, a correcta separación dos materiais que o conforman e o seu posterior depósito nos distintos contedores de recollida selectiva emprazados nas vías públicas para propiciar a súa reciclaxe.
NOVO RECOÑECEMENTO
O CIFP Manuel Antonio constitúe todo un referente no ámbito da sustentabilidade e a educación ambiental. Non en balde, recentemente recibiu un novo premio polo seu proxecto de innovación “CIFP Manuel Antonio: proxecto de sustentabilidade en centros integrados de Formación Profesional”.
Saúdos, Departamento de Comunicación