- Así se pronunciou o seu presidente, Javier Domínguez, en Cope Vigo, onde explicou que as decisións adoptadas polo Goberno central supuxeron para a empresa unhas perdas económicas de 18 M€ en 2023
- Igualmente, lembrou que a Xunta, a través dun FCL adicional, ingresou aos 295 concellos adheridos a Sogama un total de 9 M€ para amortecer o impacto das medidas estatais sobre as arcas locais, polo que o canon normal non varía respecto do ano pasado
- Aínda coa actualización, continuará a ser o máis barato de Galicia e o máis barato de España para plantas da súa tipoloxía
Cerceda, a 8 de agosto de 2024.- Nunha entrevista concedida á Cadea Cope Vigo, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, subliñou que esta empresa pública “non sube o canon, senón que suprime a bonificación” á que se acolleron o pasado exercicio 118 dos 295 concellos adscritos ao seu sistema de xestión e fíxoo “obrigada polo impacto económico das medidas estatais”, que orixinaron un buraco nas contas da Sociedade de 18 M€.
Para explicar estas medidas, Domínguez remontouse á lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, na que, por primeira vez, contempláronse impostos á incineración e á vertedura, que supuxeron en 2023 un importe de 9,1 M€, que Sogama asumiu cos seus propios recursos e sen repercutilo aos entes locais.
Pero a esta decisión estatal, á que xa se opuxera a Xunta de Galicia durante o período de exposición da lei mediante a presentación das correspondentes alegacións, ao considerar que a vía da sanción non era a axeitada para fomentar a colaboración da poboación na reciclaxe, senón o incentivo, seguiron outras tales como a eliminación da retribución ao investimento da planta termoeléctrica que opera no Complexo Medioambiental de Cerceda, e que se traduciu en 18 M€ menos de ingresos, así como a diminución da retribución á explotación da planta de coxeración no segundo semestre de 2023 e a recuperación do imposto eléctrico do 7%, representando outros 2,9 millóns.
Accións paliativas
Ante este escenario, precisou que Sogama e a Xunta estiveron traballando intensamente durante os últimos meses para buscar fórmulas que permitisen minimizar a repercusión das decisións adoptadas polo Goberno central nas arcas locais, de aí que o canon fose actualizado seguindo unha política de mínimos e se decidise eliminar a bonificación, que foi aplicada durante o período 2019-2023 (do 10% ata 2022, cunha rebaixa adicional do 5% ese mesmo ano, e do 15% en 2023), supoñendo un aforro para os galegos superior aos 20 M€.
Igualmente, lembrou que a Xunta, a través dun FCL adicional, ingresou aos concellos adheridos a Sogama un total de 9 M€ para amortecer o impacto económico das decisións do Estado sobre os cidadáns, situándose o canon este ano nunha medida de 66 €/tonelada, un 11% menos que en 2014, e isto malia unha variación interanual do IPC do 21%
Aínda coa actualización, o canon de Sogama continuará a ser en 2024 o máis barato de Galicia e o máis barato de España para plantas da súa tipoloxía.
Saúdos, Departamento de Comunicación