- O evento, que se celebra no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda-Pontevedra), arrincou onte e culminará mañá, sábado, 5 de febreiro.
- O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, asistiu ao acto inaugural, que estivo arroupado coa presenza do vicepresidente 1º e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, así como polo vicepresidente 2º e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, entre outras autoridades.
- Polo stand de Sogama xa pasaron preto de 700 persoas.
Cerceda, a 4 de febreiro de 2022.- Sogama está presente na Feira Enerxétika, que se celebra no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda-Pontevedra), o maior parque de exposicións do noroeste peninsular, e faino cun stand informativo e divulgativo atendido por dous educadores e un técnico, e no que se explica o papel desempeñado por esta empresa pública na economía circular a través da xestión sostible dos residuos urbanos.
O evento arrincou onte, día 3, e estenderase ata mañá, sábado, 5 de febreiro. Aínda que está orientado a un público técnico e profesional, o certo é que son moitos os colectivos que están a visitar esta feira, cunha gran presenza de universitarios e estudantes de Formación Profesional, ademais de escolares de primaria e de secundaria. Todoseles buscan novidades no sector da enerxía e móstranse entusiasmados por coñecer os pormenores das enerxías renovables e a xeración de electricidade a partir dos residuos non reciclables, labor que desenvolve Sogama para evitar que estes acaben depositados en vertedoiro, a opción máis nociva para o medio ambiente e a saúde.
O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, asistiu onte ao acto inaugural de Enerxétika, que estivo arroupado coa presenza do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda Valenzuela, así como polo vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde López, entre outras autoridades.
A comitiva visitou a caseta de Sogama, polo que xa pasaron a día de hoxe preto de 700 persoas, ás que se explicou o labor desta empresa pública e entregóuselles diverso material didáctico e de merchandising corporativo.
Saúdos, Departamento de Comunicación