- Farao cun panel no que dará a coñecer algunhas das súas principais actividades pedagóxicas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos e á economía circular.
- Entre as mesmas cobran protagonismo a súa plataforma “Caderno Verde”, o programa de visitas ás súas instalacións, o programa “Recíclate con Sogama”, o seu xogo xigante “Un partido polo planeta”, así como outras iniciativas orientadas ao ámbito educativo.
- O panel estará integrado na mostra que se exporá durante os días 4 e 5 de abril na Biblioteca de Galicia (Cidade da Cultura), pasando logo a formar parte da Galería Virtual do Consello da Cultura Galega.
Cerceda, a 3 de abril de 2019.- No marco da nova edición dos Encontros para a Normalización Lingüística do Consello da Cultura Galega, a celebrar os días 4 e 5 de abril, e que nesta ocasión estarán centrados na divulgación científica como contexto dinamizador do uso do galego, Sogama foi invitada a participar na mostra de recursos educativos que se leva a cabo de forma paralela por cuarto ano consecutivo.
Farao cun panel no que dará a coñecer algunhas das súas principais actividades pedagóxicas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos e á economía circular.
Entre as mesmas cobra protagonismo a súa plataforma “Caderno Verde” (www.cadernoverde.gal), na que se traballan as distintas materias obxecto de estudo no currículum académico de educación primaria, pero desde unha perspectiva ambiental, outorgando aos residuos un papel transversal; o programa de visitas ás súas instalacións, polo que pasaron máis de 75.000 persoas de distintos perfís académicos e profesionais, dándolles a oportunidade de coñecer in situ a súa actividade; o programa “Recíclate con Sogama”, que xa vai pola súa sétima edición e no que participan actualmente 25 centros escolares de distintos puntos de Galicia co fin de instaurar prácticas de reciclaxe nas aulas e levar a cabo proxectos que promovan o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe); o seu xogo xigante “Un partido polo planeta”, a través do cal os pequenos amplían a súa bagaxe ambiental e poñen a proba os seus coñecementos en materia de reciclaxe; así como outras iniciativas (publicacións, programas radiofónicos, vídeos, campañas, talleres, etc) que leva a cabo cun fin primordial: informar, formar e concienciar á poboación sobre a necesidade de participar activamente na xestión sostible dos residuos urbanos e avanzar, desde a colaboración, cara a un modelo de desenvolvemento circular que vele pola menor produción de lixo, polo máximo aproveitamento dos produtos e pola conversión destes en novos recursos, unha vez esgotada a súa vida útil.
O panel formará parte da mostra que estará exposta durante as xornadas referenciadas (4 e 5 de abril), na Biblioteca de Galicia (Cidade da Cultura), pasando logo a formar parte da Galería Virtual do Consello da Cultura Galega.
O GALEGO NA CIENCIA
No diagnóstico sobre a cultura galega realizada polo Consello da Cultura Galega en 2017, observouse que as temáticas vinculadas á cultura científica e tecnolóxica non ocupan un lugar relevante entre os intereses informativos da poboación, polo que se precisan medidas que inviten ao cambio, coa vantaxe engadida de que Galicia é unha comunidade de referencia na produción de cultura científica da man de particulares, asociacións profesionais, colectivos e universidades, entre outros, circunstancia á que habería que engadir as accións divulgadoras desde medios como a radio, os museos científicos, os observatorios e o propio portal do Consello da Cultura Galega.
A nova edición destes Encontros eríxese nunha magnífica ocasión para a reflexión e o debate, para o intercambio de coñecementos e experiencias, así como para a presentación de proxectos e propostas, tendo como temática de fondo: como espertar o interese de potenciais receptores e trasladar toda esa “efervescencia” ao acervo cultural do conxunto da poboación? E ata que punto é un campo de oportunidade para a lingua galega?
Así, durante dous días abordaranse, a través de relatorios, mesas redondas, mesas de experiencias e debates, cuestións tan interesantes como, por exemplo, a situación actual da divulgación científica e a lingua, as vantaxes de divulgar en galego, a divulgación científica no ensino secundario, e a ciencia, muller e lingua.
Saúdos, Departamento de Comunicación