- Co lema “REORGAnicémonos”, a entidade pública porá a disposición dos veciños de ambas as dúas localidades puntos informativos atendidos por educadores ambientais a través dos cales asesorará aos transeúntes na xestión sostible dos residuos.
- Prestarase especial atención á recollida selectiva da materia orgánica a través do contedor marrón a fin de garantir a obtención dun compost de alta calidade.
- As actuacións terán lugar en Arteixo, os días 26 e 27 de novembro, e, en Cerceda, o día 28, reforzando as explicacións proporcionadas polos monitores coa entrega de material didáctico e divulgativo.
Cerceda, a 22 de novembro de 2020.- Baixo o lema “REORGAnicémonos”, Sogama participará na Semana Europea da Prevención de Residuos 2020 con accións a pé de rúa nos Concellos de Arteixo e Cerceda, pretendendo a través das mesmas evocar a necesidade de poñer orde en todos os ámbitos da vida, especialmente a raíz da crise sanitaria, económica e social orixinada polo COVID-19, así como alentar as boas prácticas no ámbito dos residuos.
Este evento europeo, centrado en poñer en valor o primeiro elo na correcta xestión do lixo, isto é, a prevención e a redución, constitúe unha oportunidade para que os cidadáns reflexionen sobre os seus hábitos e comportamentos, e que adopten aqueles que lles permitan contribuír á sostibilidade.
“REORGAnicémonos” invita aos gobernos locais e veciños a primar a Reciclaxe, a Orde e a Organización, a Recuperación da Materia Orgánica e a colaboración nesta tarefa.
Ademais de seguir abundando no consumo responsable, no máximo aproveitamento dos produtos a través da súa reutilización e na necesidade de separalos correctamente unha vez convertidos en refugallos, depositando cada tipoloxía no contedor correspondente, prestarase especial atención á correcta clasificación da materia orgánica no fogar e ao axeitado uso do contedor marrón e/ou composteiro doméstico.
CALENDARIO
Para isto contarase cun punto informativo a pé de rúa, tanto en Arteixo (os días 26 e 27 de novembro) como en Cerceda (o día 28), equipado cunha carpa e diversos recursos educativos de apoio.
Educadores especializados asesorarán aos transeúntes en torno á importancia que ten a aplicación diaria do principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), deténdose en explicar que materiais deben introducirse no contedor marrón e as razóns polas que a colaboración e implicación cidadá resultan esenciais para que na planta de compostaxe, neste caso a de Sogama, se poida producir un compost de alta calidade para a súa posterior utilización na agricultura e xardinería.
Igualmente, recordaranse as tipoloxías de refugallos a depositar no resto dos contedores de recollida selectiva, pois só así poderase propiciar a reciclaxe e alcanzar os beneficios que trae consigo: protección da contorna, aforro de recursos, menos gasto económico e maior benestar social.
No caso de Arteixo, o punto informativo ubicarase o día 26 de novembro en Meicende (Cruce da Travesía de Meicende con Travesía de Meirás, en horario de 08:30 a 14:30) e o 27 na Praza do Balneario (en horario de 11:00 a 18:00). En Cerceda instalarase o día 28 no Campo da Feira (de 09:00 a 15:00 h).
Ademais de distribuír material divulgativo entre os veciños que se animen a visitar a carpa (reservando unha partida para os centros escolares), repartirase tamén merchandising.
Saúdos, Departamento de Comunicación