- Terán lugar os días 20 e 21 de outubro no Auditorio do Concello de Caldas de Reis (Pontevedra), baixo a dirección académica e científica do Prof. Dr. Francisco Peña.
- A organización apostou por un formato mixto: presencial, limitado a 25 prazas, e en liña.
- As temáticas desta edición céntranse en dous eixos: as principais ameazas deste século (a pandemia e o cambio climático) e a posta en valor das fortalezas do Camiño de Santiago.
Cerceda, a 4 de outubro de 2021.- Representantes de Sogama participarán nas V Xornadas Internacionais Ambientais & Turismo Sostible no Camiño Portugués –Xacobeo 21-22, que, baixo a dirección académica e científica do Prof. Dr. Francisco Peña, terán lugar no municipio pontevedrés de Caldas de Reis (Auditorio municipal) os días 20 e 21 de outubro.
As temáticas desta edición xiran ao redor de dous eixos: as principais ameazas deste século (a pandemia e o cambio climático) e a posta en valor das fortalezas do Camiño de Santiago nos seus distintos roteiros, así coma o significado desta experiencia única, que converterá a Galicia en punto de encontro de peregrinos de todo o mundo e en destino turístico internacional seguro e sostible.
Baixo o título “Pandemias e cambio climático: as grandes ameazas do século XXI”, celebrarase a primeira mesa redonda, que estará moderada por Francisco Peña e que contará coas achegas do Prof. Dr. Daniel López Acuña, exfuncionario de alto nivel da Organización Mundial da Saúde (OMS); o Prof. Dr. Eleuterio Martínez Alcántara, Catedrático da Universidade Autónoma de Santo Domingo; Francisco Silva Castaño, Delegado de Iberdrola en Galicia; e un portavoz da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, quen exporá a “Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050”.
Xa o segundo día, terá lugar unha nova mesa redonda “Xacobeo 21-22 e o Camiño de Santiago: Galicia como destino turístico internacional con seguridade sanitaria”. Coordinada por Jesús Palmou, presidente da Academia Xacobea, na mesma intervirán, entre outros, Celestino Lores Rosal, presidente da Federación Internacional de Asociacións do Camiño Portugués de Santiago; Carmen Salinero Corral, doutora en Bioloxía; e Ildefonso de la Campa Montenegro, director de Administración e Relacións de Amigos do Camiño da S.A de Xestión do Plan Xacobeo.
O peche do evento correrá a cargo de María Nava Castro, directora de Turismo de Galicia da Vicepresidencia Primeira (Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia).
A asistencia, de carácter gratuíto, poderá ser presencial (limitada a 25 prazas) ou ben en liña. O prazo para rexistrarse arrincou o pasado venres, 1 de outubro.
O boletín de inscrición debe remitirse á Secretaría Técnica: info@medioambienteysalud.com
Saúdos, Departamento de Comunicación