- Monitores ambientais impartiron unha sesión formativa orientada a unha vintena de persoas, entre as que se atopaban nenos e nenas migrantes con idades comprendidas entre os 4 e 14 anos
- Malia as dificultades idiomáticas (algúns acababan de chegar ao noso país), comprenderon os conceptos craves vinculados á correcta xestión dos residuos e a contribución dos seus xestos ao coidado da contorna
Cerceda, a 29 de maio de 2023.- Educadores de Sogama impartiron unha sesión formativa no centro de “Familia Educa” de Foz (Lugo), orientada a unha vintena de persoas, entre as que se atopaban nenos e nenas migrantes de 4 a 14 anos, algúns dos cales acababan de chegar ao noso país e tiñan bastantes limitacións co idioma.
Non obstante, a barreira idiomática, ademais da gran heteroxeneidade do grupo pola diferenza de idade, non impediron que comprendesen os conceptos básicos vinculados á xestión sostible dos residuos municipais e interiorizasen o alcance do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), así como a actividade que Sogama leva a cabo en Galicia.
En plena sintonía cos valores propios desta organización, entre os que destacan o respecto, a responsabilidade e a solidariedade, durante a charla transmitiuse a necesidade de protexer a contorna, esencial para o benestar e a calidade de vida da cidadanía, sendo a correcta xestión dos residuos un factor de peso na loita contra o cambio climático.
As explicacións dos educadores complementáronse con distintos xogos, como o do dado e a caixa sensorial, que permitiron aos participantes poñer a proba o apreso, interactuar entre eles e pasar un intre ameno e divertido.
Sobre Familia Educa
Trátase dun proxecto que traballa da man de Cáritas e que se orienta fundamentalmente ás persoas en risco de exclusión, prestando especial atención á infancia, á mocidade e a aquelas familias vulnerables que sofren problemas económicos e sociais debido á nacionalidade, etnia ou cultura, ou ben que residen en barrios ou zonas con risco de marxinación.
A organización traballa a través da intervención socioeducativa e psicosocial, primando a atención personalizada, gradual e progresiva orientada en todo momento ao desenvolvemento integral das persoas, plenamente convencida das potencialidades que cada persoa ten para superar as dificultades.
Saúdos, Departamento de Comunicación