- A directora xeral da empresa, acompañada polo xefe de Control Técnico e Económico e pola Técnico Superior de I+D+i, asistiu esta mañá á xornada de lanzamento do proxecto, no que tamén participan o centro tecnolóxico CETIM, a Universidade de Barcelona e Naturea Medioambiente
- Cun orzamento próximo a 1 M€ e un prazo de execución de 3 anos, o o principal obxectivo desta iniciativa é valorizar as escouras e cinzas resultantes da recuperación enerxética dos residuos non reciclables como recurso secundario na formulación e desenvolvemento de novos materiais de construción, así como na recuperación de metais
Cerceda, a 16 de outubro de 2024.- A directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, acompañada polo xefe de Control Técnico e Económico, Calidade e Medioambiente, Pedro Alcázar, e pola Técnico Superior de I+D+i, Mónica Pérez, asistiu esta mañá á xornada de lanzamento do proxecto europeo SMMASH, que tivo lugar na sede do centro tecnolóxico de Investigación Multisectorial CETIM para dar a coñecer o seu alcance e fases operativas.
O principal obxectivo desta iniciativa é aproveitar as escouras e cinzas procedentes da valorización enerxética dos residuos municipais non reciclables na planta termoeléctrica de Sogama como recurso secundario na formulación e desenvolvemento de novos materiais de construción (é o caso do desenvolvemento de áridos secundarios estabilizados con cemento Portland para a formulación de mesturas bituminosas, morteiros e/ou formigóns), así como na recuperación de metais.
Con isto preténdese contribuír á redución da extracción de recursos primarios non renovables, mitigando deste xeito o impacto enerxético e ambiental xerado pola fabricación de materiais e/ou pola obtención de metais de alto valor engadido, e xestionar residuos como recursos que volven a reintroducirse nos ciclos produtivos.
Orzamento e actividades
Cun orzamento próximo a 1 millón de euros e un prazo de execución de 3 anos, as actividades do proxecto levaranse por un consorcio conformado por CETIM, Sogama, a Universidade de Barcelona e Naturea Medioambiente.
Mentres que CETIM encargarase da vixilancia tecnolóxica e establecemento de requirimentos específicos, así como da optimización de procesos e recuperación de metais, Sogama liderará a avaliación e optimización de escourzas e cinzas, correspondendo á Universidade de Barcelona o desenvolvemento de materiais de construción e a Naturea Medioambiente as probas de concepto para a súa posterior incorporación aos ciclos produtivos.
Saúdos, Departamento de Comunicación