- Cun orzamento total próximo aos 2M€, os dous proxectos, nos que participan socios de Galicia e Portugal, serán cofinanciados polos Fondos FEDER nun 75%
- O primeiro deles, GRESINT, desenvolverá un piloto de plataforma de intelixencia artificial para mellorar a recuperación e a reciclaxe de envases lixeiros, contribuíndo desta forma a alcanzar os obxectivos europeos na reciclaxe de envases para os próximos anos
- O segundo, DESCARBON, está orientado á captura e comercialización de CO2, dadas as múltiples posibilidades que ten de ser valorizado, por exemplo, en forma de combustible, resultando clave para conseguir unha simbiose industrial que derive nun modelo circular
Cerceda, a 20 de febreiro de 2023.- Nesta nova andaina que a Sociedade Galega do Medio Ambiente emprendeu cara á innovación tecnolóxica co fin de optimizar os seus procesos industriais, gañar en eficiencia e seguir mellorando o servizo público que presta aos 295 concellos galegos adscritos ao seu sistema de xestión de residuos, presentou, xunto con socios de Galicia e Portugal, dúas candidaturas aos Fondos de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
GRESINT: XESTIÓN INTELIXENTE DOS RESIDUOS
O primeiro deles, identificado co acrónimo GRESINT, contempla a incorporación de tecnoloxías intelixentes á xestión de residuos de envases lixeiros, é dicir, aqueles depositados pola cidadanía nos contedores amarelos de recollida selectiva (envases de plástico, latas e briks).
Cun orzamento de 920.155 euros e unha duración de 3 anos (desde xullo do 2023 a xuño de 2026), este proxecto desenvolverá un piloto de plataforma de intelixencia artificial para mellorar a recuperación e a reciclaxe de envases, contemplando a incorporación de distintos dispositivos, como é o caso de sensores, que permitan levar a cabo unha xestión anticipativa do proceso e mellorar así o resultado final.
Ademais de Sogama, forma parte do consorcio de GRESINT o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña.
No caso de Portugal, contarase coa participación de LIPOR (Asociación de Municipios para a Xestión Sostible dos Residuos do Gran O Porto) e a Universidade de Beira Interior (UBI), situada na cidade de Covilha.
Este proxecto, que toma como referencia os novos obxectivos de reciclaxe de envases para os próximos anos, cun 65% para 2025 e un 70% para 2030, enmárcase na Estratexia Galega de Economía Circular 2019-2030, cuxas prioridades focalízanse na circularidade da xestión de residuos, promovendo a súa reciclaxe como materias primas de alto valor engadido, e o impulso ao desenvolvemento tecnolóxico. Así mesmo, enmárcase na Estratexia Galicia Dixital 2030, que aposta por fomentar unha xestión intelixente dos residuos para impulsar a economía circular e avanzar na implantación de tecnoloxías relacionadas coa fábrica do futuro e a industria 4.0.
DESCARBON: CAPTURA E COMERCIALIZACIÓN DE CO2
O segundo dos proxectos candidatos, DESCARBON, está orientado á captura e comercialización de CO2.
Cun orzamento de 997.884 euros e 2 anos de duración (outubro de 2023-setembro de 2025), está conformado por un consorcio do que forman parte, no caso de Galicia, o Instituto Tecnolóxico de Galicia, Energylab e Viratec (Agrupación industrial Galega de Solucións Ambientais e Economía Circular), ademais de Sogama. No caso de Portugal, participarán Lipor, INEGI, Net4C02 e 2GoOut Consulting.
Dado que o CO2 ten moitas posibilidades de ser valorizado, por exemplo, en forma de combustible, o obxectivo de DESCARBON é identificar posibles tecnoloxías de captura, procedendo á selección da máis óptima, e determinar posibles usos finais, oportunidades de mercado e desenvolvemento dun simulador. E todo isto orientado cara á consecución dunha simbiose industrial que derive nun modelo circular,
Tendo en conta que as plantas de valorización enerxética serán incluídas no Comercio de Dereitos de Emisión (ETS) a partir de 2028-2030, poderán comprar ou vender dereitos en función dos asignados a cada instalación.
Os dous proxectos presentados serán cofinanciados, nun 75%, polos Fondos FEDER.
Saúdos, Departamento de Comunicación