- Nunha visita ao Complexo Medioambiental de Cerceda, xestionada e coordinada polo CFR de Ferrol, puideron coñecer os diferentes programas impulsados por esta empresa pública para formar e sensibilizar aos escolares na xestión sostible dos residuos
Cerceda, a 14 de maio de 2024.- Docentes de Romanía, Portugal, Turquía e diversos puntos de España visitaron o Complexo Medioambiental de Cerceda a fin de coñecer a súa operativa pero, sobre todo, para tomar nota dos recursos educativos desenvolvidos por Sogama para formar e sensibilizar aos escolares na xestión sostible dos residuos municipais.
Os integrantes deste colectivo de ensino participan nun proxecto europeo focalizado nas Ecoescolas, e enmarcado no programa Erasmus+, cuxo obxectivo é a concienciación ambiental do alumnado de Educación Primaria.
En cada un dos itinerarios que realizan polos catro países participantes nesta iniciativa, elaboran un produto pedagóxico. Neste caso, e coa colaboración do Centro de Formación e Recursos de Ferrol (CFR), adscrito á Consellería de Educación, desenvolveron un videoxogo sobre a correcta separación de residuos en orixe, que estrearán esta mesma semana nun centro educativo galego.
O ámbito de actuación do CFR de Ferrol esténdese aos centros educativos con financiamento público nos concellos de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Pontedeume, Monfero, San Sadurniño, Moeche, A Capela, As Somozas, As Pontes, Valdoviño, Cedeira, Cerdido, Ortigueira, Cariño e Mañón, ofrecendo os seus servizos a un total de 96 centros educativos.
Saúdos, Departamento de Comunicación