- Celebrarase mañá, día 24, na Casa da Cultura municipal, e á mesma foron convidados os concellos que estarán baixo a influencia da futura planta de biorresiduos de Cervo
- Presidida pola directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia, a xornada contará coa presenza do alcalde de Cervo e do presidente executivo de Sogama
- Técnicos da Consellería de Medio Ambiente e de Sogama explicarán o marco normativo de referencia, así como a operativa da planta, mentres que representantes dos concellos de Carballo e A Laracha exporán a súa experiencia neste ámbito
Cerceda, a 23 de novembro de 2022.- Baixo o paraugas da Semana Europea da Prevención de Residuos 2022, que Sogama centrou na Mariña lucense e, máis concretamente, nos 15 concellos que, a priori, utilizarán os servizos da futura planta de biorresiduos de Cervo (Lugo), mañá, 24 de novembro, esta empresa pública celebrará, na Casa da Cultura municipal, unha xornada informativa e formativa que, baixo o título “O contedor marrón: claves para a súa implantación”, enmárcase na súa campaña “O marrón, o contedor que dá vida”.
A través deste encontro, preténdese dar a coñecer a normativa vixente relativa á implantación da recollida diferenciada da materia orgánica contida nos residuos urbanos (FORSU) a través do quinto contedor, así como a operativa a seguir polos entes locais.
A xornada estará presidida pola directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Sagrario Pérez Castellanos, e contará coa presenza do alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, sendo convidados á mesma representantes de concellos próximos a Cervo.
ESTRUTURA
O evento, que arrincará ás 10:30 horas, estrutúrase en dous bloques: no primeiro abordarase a normativa e tratamento de FORSU, contando para isto coa intervención dun representante da Consellería de Medio Ambiente, quen falará do marco lexislativo de referencia e o protocolo a seguir polos concellos, así como un técnico de Sogama, que dará a coñecer o tratamento que se dispensará á fracción orgánica na planta de biorresiduos.
Tras unha pequena pausa, o auditorio poderá escoitar as testemuñas do concelleiro de Obras e Servizos de Carballo, Lois Lamas, e do tenente de alcalde da Laracha, ambas as dúas localidades pertencentes á provincia da Coruña e que, desde hai tempo, teñen implantado nos seus termos municipais, e ademais con gran éxito, o contedor marrón, sendo pioneiros en Galicia.
O obxectivo das súas intervencións é que expliquen o proceso de instauración do quinto contedor, limitacións coas que se atoparon e como as superaron, así como o desenvolvemento das campañas de concienciación social, yque compartan cos asistentes os seus coñecementos, bagaxe e experiencias.
Acto seguido, e como peche, realizarase unha visita guiada ás obras da futura planta de Cervo.
Saúdos, Departamento de Comunicación