- A empresa pública tamén remitiu a esta entidade 15 cubos marróns para o depósito e transporte dos residuos orgánicos, así como manuais didácticos
- Igualmente, educadores especializados ao servizo de Sogama impartiron unha sesión teórico-práctica no propio centro na que participaron usuarios, monitores e persoal de apoio
Cerceda, a 22 de xuño de 2023.- A Asociación Down Coruña integrouse no programa de compostaxe de Sogama co obxectivo de levar a autoxestión da materia orgánica ao propio centro e beneficiarse das súan bondades ambientais.
A fin de contribuír ao éxito desta iniciativa, a empresa pública entregou á organización 5 composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, así como 15 cubos marróns para o depósito e transporte dos restos orgánicos.
Con todo, e máis aló dos medios materiais, a compañía tamén proporcionou á asociación manuais didácticos nos que se explica de forma detallada todo o proceso de autocompostaxe: desde a relación de materiais que deben, e non deben, depositarse no composteiro ata o necesario control de parámetros tan relevantes como o osíxeno, a temperatura e a humidade, sen esquecer as aplicacións do compost resultante, un abono natural de alta calidade que, non só achega nutrientes ao solo, senón que mesmo o protexe fronte a pragas e enfermidades.
Así mesmo, e coa pretensión de que os participantes neste proxecto puidesen dispoñer da información e destrezas necesarias para elaborar un bo compost, educadores especializados ao servizo de Sogama impartiron, nas propias dependencias da organización, unha sesión teórico-práctica dirixida a usuarios, monitores e persoal de apoio, reforzándoa con distintas actividades lúdicas a fin de que o público obxectivo puidese visualizar os restos orgánicos como un recurso de gran valor capaz de dar unha nova vida, sendo todo un exemplo de economía circular.
Sobre a Asociación Down Coruña
Ademais de ofrecer atención continua a persoas con Síndrome de Down e os seus familiares, a Asociación Down Coruña impulsa programas, talleres e accións de inclusión sociolaboral, á vez que leva a cabo tarefas de divulgación, sensibilización e emprendemento.
Entre os programas de educación ambiental promovidos por esta entidade, cabería destacar, entre outros, o denominado ‘Ecofriendly Educación Ambiental’, a través do cal se potencia o coñecemento no coidado do medio ambiente e o correcto funcionamento do proceso de reciclaxe, ademais da preservación da fauna, inculcando bos hábitos ambientais na vida diaria.
Con este programa, a Asociación Down Coruña habilita aos participantes como Axentes de Acción Ambiental para acceder a Proxectos de Emprego Verde/Azul a través dunha titulación propia.
Saúdos, Departamento de Comunicación