
- O próximo, dirixido ao profesorado de infantil, primaria e secundaria adscrito á Xunta de Galicia, arrincará a finais do presente mes a través da plataforma PLATEGA da Consellería de Educación.
- A día de hoxe, esta empresa pública impartiu 15 cursos en liña orientados a distintos colectivos sociais.
- A xestión sostible dos residuos urbanos, os pormenores do sistema Sogama, a educación ambiental e a economía circular constitúen as temáticas troncais a abordar.
Cerceda, a 10 de febreiro de 2021.- No seu firme compromiso coa educación e a concienciación da poboación na protección da contorna, Sogama reactiva o seu programa de formación en liña no ámbito ambiental.
O novo curso, destinado ao profesorado de infantil, primaria e secundaria adscrito á Xunta de Galicia, arrincará a finais do presente mes a través da plataforma PLATEGA da Consellería de Educación, dando preferencia aos docentes que participan no programa “Recíclate con Sogama” 2020-2021.
A día de hoxe, esta empresa pública impartiu 15 cursos en liña orientados a distintos colectivos sociais e nos que se inscribiron 840 persoas. É o caso de docentes de distintos niveis educativos e especialidades, técnicos e representantes dos distintos concellos adheridos ao seu modelo de xestión, incluíndo tamén a alcaldes e concelleiros, así como axentes das Forzas de Seguridade (Policía Local e Garda Civil).
As temáticas centrais xiran prioritariamente ao redor da xestión sostible dos residuos, os pormenores do sistema Sogama, a educación ambiental e a economía circular como modelo de desenvolvemento ao que debemos avanzar para preservar os limitados recursos naturais.
DINÁMICA
Dous técnicos de Sogama son os encargados de titorizar os cursos, que contan con 30 e 50 horas lectivas. Máis aló dos contidos propios de cada área de coñecemento, habilítase un foro no que se comparten novas de interese e ábrense debates construtivos sobre distintos asuntos a fin de que os participantes acheguen as súas, expresen as súas opinións, consulten as súas dúbidas e compartan experiencias.
Cada tema está asociado a unha proba avaliativa tipo test que deberá ser superada para que os alumnos conclúan a actividade formativa coa cualificación de apto e conten co diploma ou certificado correspondente.
Saúdos, Departamento de Comunicación
Imaxe: Pexels