- Con isto pretende propiciar unha maior interactividade coa comunidade educativa, comprobar directamente o seu nivel de coñecementos na materia e responder a todas as dúbidas e consultas trasladadas.
- Son os propios centros os que se dirixen á empresa pública para que esta, con persoal especializado, instrúa ao alumnado e profesorado nas boas prácticas vinculadas aos residuos.
- As sesións formativas, que en todo caso son adaptadas aos distintos niveis educativos, apóianse con recursos didácticos e divulgativos (presentacións, vídeos, etc), así como lúdicos.
Cerceda, a 30 de setembro de 2022.- Do mesmo xeito que o pasado curso académico 2021-2022, no que os educadores de Sogama desprazáronse a distintos centros educativos de toda Galicia, tanto de primaria como de secundaria e Formación Profesional, para impartir sesións formativas sobre xestión sostible de residuos urbanos, a entidade, coincidindo co inicio do novo período lectivo, retomou este programa para levar a súa mensaxe aos colexios e institutos dos municipios adscritos ao seu sistema (295 en total). Con isto pretende propiciar unha maior interactividade coa comunidade educativa, comprobar directamente o seu nivel de coñecementos na materia e responder a todas as dúbidas e consultas trasladadas.
OPERATIVA
Son os propios centros os que se dirixen á empresa pública para que esta, con persoal especializado, instrúa ao alumnado e profesorado nas boas prácticas vinculadas aos residuos, proporcionándolles as claves para aplicar cada día a estratexia dos tres erres, isto é, previr e reducir a produción de residuos, reutilizar ao máximo os produtos ata esgotar a súa vida útil e separalos por tipoloxías, unha vez convertidos en refugallos, procedendo ao seu depósito diferenciado nos distintos contedores de recollida selectiva: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para o papel e cartón; iglú verde, para os envases de vidro; marrón, para a materia orgánica (tendo en cuenta que este recipiente atópase en fase de implantación); e xenérico, para a fracción resto.
Ante a próxima chegada do contedor marrón ás rúas, a compañía xa está a introducir nas súas clases os pormenores deste recipiente, cuxa misión é acoller a materia orgánica para transformala en compost, proceso que se levará a cabo nas actuais e futuras plantas de biorresiduos.
As sesións formativas, que previamente son adaptadas aos distintos niveis educativos, apóianse con diversos recursos didácticos e divulgativos (presentacións, vídeos, etc), así como lúdicos.
Desta forma, Sogama quere que a reciclaxe se asente nas escolas e que os propios escolares trasladen os bos hábitos aos seus fogares e contorna social, erixíndose en verdadeiros embaixadores da sostibilidade.
A día de hoxe, a entidade, a petición dos centros interesados, xa ten concertadas, para os próximos meses, sesións formativas nas catro provincias galegas. O pasado ano, e malia as restricións periódicas enmarcadas na pandemia da COVID-19, puido instruír presencialmente ao redor de 2.000 escolares.
Saúdos, Departamento de Comunicación