- Aos 50 recipientes subministrados o pasado mes de decembro, súmanse outros 50, facendo un total de 100 as familias incorporadas a esta iniciativa.
- Xunto co composteiro, os participantes recibirán un manual didáctico no que se describe a técnica a seguir, dáse resposta ás preguntas máis frecuentes e solvéntanse os erros máis comúns.
Cerceda, a 11 de febreiro de 2021.- O Concello de Vimianzo (A Coruña), adscrito ao programa de compostaxe doméstica de Sogama desde o pasado mes de decembro, momento no que recibiu desta empresa pública, e de forma gratuíta, 50 composteiros, solicitou unha nova partida de recipientes co fin de estender a autoxestión da materia orgánica a novas vivendas unifamiliares con terreo.
Do mesmo xeito que na fase anterior, os composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, teñen por obxecto facer máis cómodo e hixiénico o proceso de elaboración de compost, que regresa ao solo en forma de nutriente, substituíndo aos fertilizantes artificiais.
Trátase, en todo caso, de recuperar unha práctica tradicional no rural galego a través da cal se logra importantes beneficios. Neste sentido, cabe lembrar que a materia orgánica representa o 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, polo que, se se recupera en orixe, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, aforrando custos ambientais e económicos.
Xunto co recipiente, os participantes recibirán un manual didáctico no que se describe a técnica a seguir, dáse resposta ás preguntas máis frecuentes e clarifícanse os erros máis comúns.
As explicacións arrincan desde a propia ubicación do composteiro, que debe colocarse nunha zona protexida e sombreada, e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada deos microorganismos descompoñedores. Así mesmo, detállase a relación de materiais que deben e non deben depositarse neste recipiente, como aplicar o abono resultante e que vantaxes ten para as plantas.
Con esta nova partida, xa son 100 os composteiros cedidos por Sogama ao Concello de Vimianzo, interesado en promover a reciclaxe da materia orgánica nos propios fogares por constituír todo un exemplo de economía circular.
Máis información en www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación