- Con tal fin, lanzou unha campaña interna baixo o o lema “Aquí hai que facelo ben para que fóra se faga ben”, a través da cal busca unha maior implicación do persoal na reciclaxe
- A pretensión última é que os traballadores/as adscritos a esta infraestrutura sexan un referente nas boas prácticas ambientais, dentro e fóra da mesma
- Para isto, dispuxo, en puntos estratéxicos do Complexo, seis illas de reciclaxe, ademais de habilitar unha recollida específica da materia orgánica producida nos comedores para a súa posterior compostaxe
Cerceda, a 16 de outubro de 2024.- Sogama, coa colaboración das empresas contratistas que operan no Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), reforza o seu programa de recollida selectiva de residuos no propio recinto tras habilitar seis illas de reciclaxe en puntos estratéxicos da infraestrutura.
Cada illa está conformada por tres contedores (azul, amarelo e xenérico), nos que os traballadores/as deben depositar, de forma diferenciada, os refugallos producidos ao longo da súa xornada laboral, isto é, papel e cartón (azul), envases lixeiros -envases de plástico, latas e briks- (amarelo) e fracción resto (gris). O iglú verde, destinado a recoller os envases de vidro, non se inclúe no plan de acción debido a que o persoal do Complexo non xera este tipo de material, aínda que se contempla nos recursos didácticos para que tamén se faga unha correcta selección de botellas, frascos e tarros de vidro nos fogares e contornas sociais diversas.
As illas de reciclaxe compleméntanse cunha recollida independente, a través de cubos específicos, da materia orgánica producida nos comedores e da que se encargan os servizos de xardinería para que sexa compostada e utilizada de novo, como abono natural, nos propios xardíns e terreos do Complexo.
A fin de contribuír a unha maior bagaxe do persoal na recollida selectiva de residuos, a empresa lanzou unha campaña interna baixo o lema “Aquí hai que facelo ben para que fóra se faga ben”, que toma a forma de cartelería, trípticos e vídeo, e que o presidente da Sociedade, Javier Domínguez Lino, dou a coñecer esta mañá, pretendendo que, a través de distintas vías, as mensaxes vaian calando e a participación dos empregados/as na correcta clasificación dos residuos en orixe sexa cada vez maior. “Queremos e debemos servir de exemplo e referente nas boas prácticas ambientais, tanto dentro como fóra da infraestrutura industrial”, salientou o máximo responsable de Sogama.
Saúdos, Departamento de Comunicación