- Ao mesmo incorpórase o municipio de Muras e amplíase en Cervo, Foz, Alfoz e O Valadouro.
- En total, 130 composteiros distribuiranse entre outras tantas vivendas unifamiliares e que, sumados a partidas anteriores subministradas por Sogama, fan un total de 433 familias participantes na iniciativa impulsada por esta empresa pública.
- Os cinco concellos recibirán tamén, de mans de Sogama, manuais didácticos de apoio que entregarán aos participantes co obxectivo de que lles sirvan de guía para a aplicación da técnica de autocompostaxe.
- O obxectivo último é que poidan obter un compost de calidade para ser aplicado ao solo con garantías.
Cerceda, a 28 de febreiro de 2020.- A compostaxe doméstica vai gañando peso na xestión sostible dos residuos e, a fin de beneficiarse das súas bondades, tanto ambientais como económicas e sociais, o concello de Muras decidiu adscribirse ao programa de Sogama e outros tales como Foz, Cervo, O Valadouro e Alfoz, apostaron por amplialo a novas vivendas.
En total, 130 composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, distribuiranse entre estes concellos, en resposta as súas peticións, posibilitando desta forma que outras tantas familias que habitan en vivendas unifamiliares con terreo (horta ou xardín) poidan elaborar o seu propio compost.
En todo caso, trátase de recuperar unha práctica tradicional no rural galego, pero co apoio dun recipiente axeitado que fai máis cómodo e hixiénico o proceso.
Os cinco concellos recibirán tamén, de mans de Sogama, manuais didácticos que entregarán aos participantes co obxectivo de que lles sirvan de guía para a aplicación da técnica de autocompostaxe. Nos mesmos detállanse todos os pasos a dar: desde a propia ubicación do composteiro, que debe estar nunha zona sombreada e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de organismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, e o control de parámetros de gran relevancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Danse así as instrucións necesarias para que os usuarios obteñan un abono de alta calidade que cumpra con todos os requisitos establecidos pola normativa vixente e poida aplicarse ao solo con garantías, actuando como un potente fertilizante e protexéndoo fronte a posibles pragas e enfermidades.
- Cervo: 20 composteiros que, sumados a anteriores partidas subministradas por Sogama, fan un total de 106.
- Foz: 30 composteiros que, sumados a anteriores entregas, fan un total de 152.
- Alfoz: 25 composteiros que, sumados a anteriores partidas, fan un total de 93.
- O Valadouro: 30 composteiros que, sumados a anteriores partidas, fan un total de 57.
- Muras: comeza con 25 composteiros.
En total, 433 familias participantes no programa de reciclaxe da materia orgánica en orixe impulsado por esta empresa pública.
Máis información en www.compostaconsogama.gal
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación