- Traballadores da área de seguridade, debidamente formados e autorizados, e habilitados como pilotos de drons, son os encargados de xestionar este tipo de dispositivos aéreos que permiten combinar distintas técnicas de supervisión.
- É o caso do conxunto de cámara térmica infravermella/RGB. Mentres que a primeira mide a temperatura da imaxe, a segunda, cunha sensibilidade vinte veces superior á do ollo humano, toma imaxes de moi alta calidade.
- Estas ferramentas permiten levar a cabo labores correctivos e preventivos nas distintas instalacións, xa que se adentran en lugares de difícil acceso desde terra.
Cerceda, a 28 de xullo de 2021.- A fin de reforzar o servizo de vixilancia industrial nas instalacións de Cerceda, tanto no Complexo Medioambiental coma no vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa, Sogama incorporou a utilización de drons, gañando con isto en efectividade e eficiencia.
Vixiantes debidamente formados e autorizados, e habilitados como pilotos de drons, son os encargados de xestionar este tipo de dispositivos aéreos que permiten combinar distintas técnicas de supervisión, como é o caso das cámaras térmicas ou de alta definición, levando a cabo tarefas de videovixilancia e control perimetral.
O conxunto de cámara térmica infravermella/RGB constitúe unha solución segura, integral e fácil de utilizar. Así, e mentres que a cámara de infravermellos mide a temperatura na imaxe, a cámara RGB, cunha sensibilidade á luz vinte veces superior á do ollo humano, toma imaxes de moi alta calidade, mesmo en condicións de baixa iluminación. Ambas imaxes transmítense simultaneamente á estación de control e poden ser vistas superpostas ou por separado.
Estas cámaras específicas permiten levar a cabo labores correctivos e preventivos nas distintas instalacións, xa que adéntranse en lugares de difícil acceso desde terra, como é o caso das cubertas das distintas naves, a supervisión do correcto funcionamento dos sistemas de depuración e a extracción de gas metano no vertedoiro de Areosa.
Os drons poden ser utilizados manualmente ou ben a través de sistemas de posicionamento GPS, realizando roteiros autónomos programados, o que permite que o dron regrese á súa posición de forma automática.
As imaxes quedan gravadas, podendo ser visualizadas a posteriori para a súa análise. Desta forma, permítese definir se o circuíto programado realizouse correctamente e que áreas é necesario volver a rexistrar.
Toda a operativa se leva a cabo baixo a autorización e supervisión da AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea).
Saúdos, Departamento de Comunicación