
- A empresa pública impartiu varias sesións formativas no CEIP Mestre Martínez Alonso nas que participaron preto de 130 alumnos/as e 7 docentes
- Dado que este centro ten unha ampla bagaxe en actividades de redución e reutilización, incidiuse especialmente na correcta separación de residuos en orixe e o seu posterior depósito nos contedores correspondentes para facilitar o seu reciclado
- A comunidade educativa interesouse tamén polo labor de Sogama e o tratamento que dispensa aos refugallos que se atopan baixo a súa competencia
Cerceda, a 10 de marzo de 2025.- Preto de 130 escolares do CEIP Mestre Martínez Alonso do municipio de Mos (Pontevedra), así como 7 docentes, participaron en varias sesións formativas impartidas por educadores de Sogama ao redor da aplicación práctica do principio dos tres erres: Redución, Reutilización e Reciclaxe, reforzando especialmente os coñecementos relativos á separación de residuos en orixe e posterior depósito nos contedores correspondentes para propiciar a súa recuperación.
O colexio mosense conta cunha ampla bagaxe en actividades de redución e reutilización debido a que cada curso académico promove distintas medidas orientadas a diminuír a cantidade de refugallos producidos no recinto, consciente de que o mellor residuo é o que non se produce, así como a reutilizar os materiais fóra de uso para fabricar xoguetes ou ben para darlles unha segunda oportunidade nas clases de manualidades.
E cando o refugallo xa foi xerado, o correcto é introducilo no contedor axeitado para que poida ser convertido nun novo produto; un proceso que propicia o aforro de enerxía e de materias primas virxes, máis aló de que os concellos reciben ingresos económicos por parte das entidades xestoras da reciclaxe, como é o caso de Ecoembes ou Ecovidrio.
Aínda que o coñecemento dos pequenos sobre recollida selectiva era amplo, si trasladaron unha serie de dúbidas sobre o recipiente de destino de distintos obxectos.
Tratamento final dos residuos
Tamén se interesaron pola actividade de Sogama, xa que descoñecían o itinerario que seguen os seus residuos unha vez que se recollen por parte dos servizos municipais. Neste sentido, indicóuselles que o labor da empresa pública céntrase en tres fraccións: bolsa amarela ou envases lixeiros (contedor amarelo), materia orgánica (contedor marrón) e bolsa negra ou parte non reciclable (contedor xenérico).
Tanto a bolsa amarela como a negra viaxan ao Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), previo paso por planta de transferencia.
Os envases da amarela selecciónanse por tipos de material nunha planta de clasificación automática para ser remitidos posteriormente aos centros recicladores. Da bolsa negra, a empresa consegue separar aqueles materiais susceptibles de ser reciclados e que deberían ser depositados en orixe noutros contedores de recollida selectiva para remitilos á industria transformadora. A parte non reciclable transfórmase nun combustible CDR que se valoriza nunha planta termoeléctrica pagar xerar a enerxía eléctrica suficiente coa que abastecer ao 12% dos fogares galegos.
A materia orgánica, no caso dos concellos que contan con contedor marrón, convértese en compost na planta de biorresiduos máis próxima, dando lugar a un abono natural de alta calidade con posteriores aplicacións no sector da agricultura e xardinería.
Saúdos, Departamento de comunicación