- Desta forma xa son 70 as familias que participan no programa de autocompostaxe impulsado polo ente local coa colaboración desta empresa pública.
- O obxectivo é promover a autoxestión da materia orgánica en orixe e alcanzar importantes beneficios ambientais e económicos.
Cerceda, a 20 de xaneiro de 2021.- Sogama, a petición do Concello de Boiro, remitiu unha nova partida de composteiros domésticos a este municipio coruñés co fin de que poida ampliar o seu programa de autocompostaxe a novas vivendas unifamiliares.
O obxectivo é promover a autoxestión da materia orgánica en orixe e alcanzar importantes beneficios ambientais e económicos, xa que, ao tratar esta fracción nos propios fogares, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, extremo que permite reducir a frecuencia de recollida e minorar a cantidade de lixo a entregar a Sogama para o seu tratamento final.
Xa son 70 as familias adscritas a esta iniciativa. Requisito imprescindible para participar na mesma é que os participantes dispoñan de terreo (xardín, horta ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, que regresa á terra en forma de abono natural, substituíndo aos fertilizantes artificiais.
Os usuarios tamén recibiron manuais didácticos nos que se describe a técnica a seguir para obter un compost de alta calidade que cumpra con todos os requisitos esixidos na normativa vixente e se poida aplicar ao solo con garantías. Ademais de detallar os pasos a dar, dáse resposta ás preguntas máis frecuentes e resólvense as dúbidas máis habituais.
Como elemento complementario, os interesados tamén teñen á súa disposición un sitio web www.compostaconsogama.gal co que reforzar coñecementos, accedendo igualmente a recursos divulgativos de interese tales como vídeos e xogos, entre outros.
Saúdos, Departamento de Comunicación