- Con esta nova dotación, serán preto de 300 os fogares deste municipio que autoxestionen a súa materia orgánica para convertela en compost, un abono natural que aplicarán nas súas hortas, xardíns e/ou terras de cultivo
Cerceda, a 27 de xuño de 2023.- A Sociedade Galega do Medio Ambiente, a solicitude do Concello de Vilanova de Arousa, remitiu a esta localidade pontevedresa unha nova partida de 100 composteiros (con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables) para que sexan distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que empregar o compost resultante.
Con esta nova dotación, serán preto de 300 os fogares que autocomposten a súa materia orgánica en orixe e a convertan nun abono natural que utilizarán nos seus propios xardíns, hortas e/ou terras de cultivo, pechando o ciclo de aproveitamento dun residuo que propiciará unha nova vida, conforme aos principios da economía circular.
O programa de autocompostaxe pretende recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis moderna, cómoda, hixiénica e eficiente.
Esta iniciativa trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais, coa particularidade de que o abono obtido, que substitúe aos fertilizantes artificiais, achega nutrientes ao chan e mesmo o protexe fronte a pragas e enfermidades.
Material didáctico
Así mesmo, Sogama remitiu ao ente local manuais didácticos de apoio para a súa posterior entrega aos participantes, xa que servirán de guía para a correcta aplicación da técnica.
Nos mesmos detállase toda a operativa: desde a propia localización do composteiro, que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas, preferiblemente baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben -e non deben- introducirse no mesmo, como debe realizarse a mestura entre fracción húmida e seca, así como a importancia de controlar parámetros craves tales como a temperatura, o osíxeno e a humidade.
O obxectivo último é obter un compost de máxima calidade que cumpra cos requisitos establecidos pola normativa vixente e que poida aplicarse ao solo con garantías e sen restricións.
Máis de 7.600 composteiros repartidos na provincia
A día de hoxe, un total de 123 entidades da provincia de Pontevedra atópanse adheridas ao programa de compostaxe doméstica que Sogama lidera en Galicia. Destas, 47 son concellos, 68 son centros educativos e 8 son colectivos sociais. Entre todas elas, esta Sociedade xa repartiu, de forma gratuíta, 7.600 composteiros, ademais de impartir formación e achegar o material didáctico e divulgativo necesario.
Saúdos, Departamento de Comunicación