- Con capacidade para 400 litros, e fabricados con materiais reciclados e reciclables, serán colocados na horta comunitaria e urbana coa que conta o barrio
- Máis aló da propia colleita de diversos produtos, a horta desempeña igualmente unha función terapéutica e de integración social, fomentando a alimentación sa e saudable, así coma o consumo de artigos de tempada e quilómetro cero
- Pola súa banda, o Concello de Ferrol atópase adscrito ao programa de compostaxe doméstica se Sogama desde o pasado ano
Cerceda, a 26 de outubro de 2022.- A Sociedade Galega do Medio Ambiente, a petición da Asociación Veciñal de Canido, en Ferrol, remitirá a este entidade catro composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, co fin de que sexan colocados na horta comunitario e urbana coa que conta o barrio.
Trátase dun proxecto que, tal e como trasladou a asociación, vai polo seu segundo ano de vida e aglutina a participación da propia veciñanza e diversas entidades, pois, máis aló da propia colleita en si de diversos produtos, a horta desempeña igualmente unha función terapéutica e de integración social, fomentando a alimentación sa e saudable, así coma o consumo de artigos de tempada e quilómetro cero. Con isto, evítase o transporte dos mesmos a longas distancias, diminúe de forma considerable as emisións de CO2 á atmosfera e minimízase a pegada ecolóxica.
Coa dotación destes composteiros, os participantes poderán transformar en compost os restos orgánicos, obtendo a partir dos mesmos un compost natural de alta calidade que cumpre os parámetros establecidos na lexislación vixente, resultando apto para ser aplicado ao solo con garantías e sen restricións.
A compostaxe doméstica da materia orgánica trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais para os concellos, dada a súa contribución á redución das emisións de CO2 derivadas da recollida e transporte de residuos; á diminución do importe da factura que os entes locais deben abonar a esta empresa pública polo seu servizo, xa que a autoxestión dos restos orgánicos evita o depósito dos mesmos nos contedores convencionais e, polo tanto, a súa entrega a Sogama; e á recuperación dunha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos residuos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
FERROL, ADSCRITO AO PROGRAMA DE AUTOCOMPOSTAXE DE SOGAMA
O Concello de Ferrol atópase adscrito ao programa de compostaxe doméstica de Sogama desde o ano 2021, participando no mesmo 50 vivendas unifamiliares que dispoñen de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante e que, polo tanto, pechan o círculo da súa reciclaxe conforme aos principios da economía circular.
Tamén contan con composteiros varios centros escolares da cidade que dispoñen de servizo de comedor, elaborando, coa axuda deste recipiente, o abono que logo utilizan nos seus recintos escolares, utilizándose igualmente como instrumento didáctico de apoio.
Saúdos, Departamento de Comunicación