- Con este novo envío, xa son 165 os recipientes entregados pola empresa pública neste municipio
- A día de hoxe, 124 entidades pontevedresas están adscritas a esta iniciativa, tendo repartido Sogama entre as mesmas, e de forma gratuíta, máis de 7.700 composteiros
Cerceda, a 22 de febreiro de 2024.- Sogama remitiu ao Concello de Salceda de Caselas (Pontevedra) unha nova partida de composteiros, concretamente 30 unidades, co obxectivo de estender a autoxestión da materia orgánica, procurando que cada vez sexan máis os fogares que aposten pola compostaxe doméstica como medida preventiva para minimizar a produción de residuos e como elemento de peso na economía circular, xa que os restos orgánicos regresan ao solo en forma de nutrientes, pechando o ciclo de recuperación dos mesmos nas propias vivendas. Para isto, é necesario que estas sexan unifamiliares e que dispoñan de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante que, polo xeral, cumpre con todos os requisitos de calidade esixidos pola normativa vixente, podendo ser utilizado no ámbito da agricultura e xardinería sen restricións e con garantías.
Esta nova entrega de recipientes, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, súmase a outras anteriores realizadas pola empresa pública, facendo un total de 165 as familias de Salceda que están adscritas ao programa de autocompostaxe liderado por Sogama e do que forma parte o ente local.
A día de hoxe, son 124 as entidades pontevedresas que participan nesta iniciativa (entre concellos, centros educativos e colectivos sociais), tendo repartido Sogama entre as mesmas, e de forma gratuíta, máis de 7.700 composteiros, á vez que imparte cursos de formación presenciais orientados aos usuarios e proporciona material didáctico de apoio.
A través destes recursos, a compañía explica a operativa a seguir (desde a propia localización do composteiro ata a relación de materiais que deben depositarse no mesmo e fases do proceso), sen esquecer o control de elementos de peso que influirán no resultado final, como son o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Máis información en https://www.sogama.gal/compostaxe/gl/
Saúdos, Departamento de Comunicación