- Trátase das localidades coruñesas de Carballo, Laracha e Cabanas, as lucenses de Ribadeo e Viveiro, e a pontevedresa de Oia.
- Os composteiros, de 400 litros de capacidade, están fabricados con materiais reciclados e reciclables.
- Condición indispensable é que as novas vivendas a incorporar ao programa sexan unifamiliares e dispoñan de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante.
- A día de hoxe, esta empresa pública xa repartiu un total de 10.555 composteiros entre 300 entidades (186 concellos, 98 centros educativos e 16 colectivos sociais).
Cerceda, a 26 de xullo de 2019.- Sogama repartirá en breve un total de 235 composteiros entre seis concellos que solicitaron ampliar os seus respectivos programas de autocompostaxe (instaurados no seu momento da man desta empresa pública) a fin de levar a reciclaxe da materia orgánica a novos fogares e avanzar na consecución de importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Trátase das localidades coruñesas de Carballo, Laracha e Cabanas, as lucenses de Ribadeo e Viveiro, e a pontevedresa de Oia.
Os recipientes a subministrar teñen unha capacidade para 400 litros e están fabricados con materiais reciclados e reciclables, ademais de dispoñer do certificado de cumprimento da Normativa Europea EN, certificado medioambiental e etiqueta ecolóxica.
Condición indispensable é que as novas vivendas a incorporar ao programa sexan unifamiliares e dispoñan de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante. Para que este cumpra con todos os requisitos de calidade, a cada familia participante entregaráselle un manual didáctico de apoio no que se explica, de forma detallada, o procedemento a seguir: desde a propia colocación do composteiro, que debe estar sempre nunha zona sombreada e en contacto coa terra para facilitar a entrada dos organismos descompoñedores, ata os tipos de materiais que deben e non deben ser depositados no mesmo, así como o control de parámetros de gran relevancia como son o osíxeno, a temperatura e a humidade.
O obxectivo último é que os usuarios obteñan un abono natural que reúna todos os requisitos impostos pola normativa vixente para ser utilizado na agricultura sen restricións.
Se ben algúns concellos xa dispoñen de técnicos medioambientais con coñecementos expresos na materia, outros solicitaron a Sogama a impartición de cursos presencias de formación destinados aos veciños que se incorporarán ao proxecto nesta nova fase.
TODO VANTAXES
Dado que na composición global dunha bolsa de lixo tipo, a materia orgánica representa da orde do 42%, a autocompostaxe permite que esta se recicle en orixe e, por tanto, se evite o seu depósito nos contedores verdes convencionais. Desta forma, os concellos poderían diminuír a frecuencia de recollida e transporte, reducindo as emisións de CO2 á atmosfera, minorar o importe da factura a pagar a Sogama, xa que entregarían menos toneladas de lixo a esta empresa pública, ademais de recuperar unha práctica tradicional no rural galego, coa vantaxe adicional que se reducirían os desprazamentos que os cidadáns deben facer aos contedores de recollida selectiva, pois fraccións como envases e papel/cartón poden almacenarse varios días nas casas sen risco de cheiros.
A día de hoxe, Sogama repartiu un total de 10.555 composteiros entre 300 entidades (186 concellos das catro provincias, 98 centros educativos e 16 colectivos sociais).
Saúdos, Departamento de Comunicación