- A autoxestión da materia orgánica trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais, coa particularidade de que o compost resultante é utilizado polos usuarios como fertilizante natural, pechando así o ciclo de aproveitamento desta fracción de lixo
- A día de hoxe, están adscritos ao programa de compostaxe doméstica de Sogama un total de 224 concellos, ademais de 186 centros educativos e 30 colectivos sociais
- Máis aló da dotación de medios materiais, a empresa pública tamén se encarga de impartir sesións formativas presenciais, así como de proporcionar aos participantes material didáctico e divulgativo de apoio
Cerceda, a 12 de decembro de 2022.- Sogama repartiu de forma gratuíta preto de 20.000 composteiros domésticos co obxectivo de promover a autoxestión da materia orgánica en orixe e os seus beneficios ambientais, económicos e sociais.
A día de hoxe son un total de 440 as entidades adscritas a esta iniciativa (224 concellos, 186 centros educativos e 30 colectivos sociais) e a empresa pública confía en que o interese vaia crecendo, xa que se trata dun programa que contribúe a previr e a reducir a produción de residuos, así como a minorar as emisións de CO2 á atmosfera. Ao reciclar os restos orgánicos no propio fogar, que veñen a representar en torno ao 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, evítase o seu depósito no contedor xenérico, posibilitando que os servizos municipais poidan ver diminuída a frecuencia de recollida e transporte do lixo convencional.
Desde o punto de vista social, cabería destacar a recuperación dunha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e/o elaboración de compost, un abono natural de alta calidade con extraordinarios beneficios para plantas e cultivos, xa que, ademais de achegar nutrientes ao solo, presérvao fronte a pragas e enfermidades.
TRADICIÓN RENOVADA E USUARIOS FORMADOS
A Xunta, a través de Sogama, retoma así unha práctica arraigada na nosa comunidade, pero dunha forma máis moderna, hixiénica e cómoda. Para isto, a compañía distribúe, a través dos concellos, e de forma gratuíta, composteiros con capacidade para 390-400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables. A nivel municipal, estes recipientes son entregados polos propios entes locais a vivendas e agrupacións que dispoñan de terreo (xardín, horta e/ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo de recuperación da materia orgánica, todo un exemplo de economía circular.
A fin de que os participantes dispoñan da información e formación necesarias, e que o compost resultante cumpra con todos os requisitos contemplados na lexislación vixente, Sogama tamén se encarga de proporcionar aos usuarios diverso material divulgativo, podendo destacar os manuais didácticos de apoio, nos que se explica de forma detallada todos os pasos a seguir: desde a propia localización do composteiro, que debe emprazarse no exterior da vivenda e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben -e non deben- introducirse no mesmo e o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, que influirán de forma decisiva no resultado final. Tamén se dá resposta nos mesmos ás preguntas e consultas máis habituais.
Adicionalmente, persoal da empresa pública imparte cursos de formación presenciais nos que explican a técnica a aplicar e resolven as dúbidas expostas polos asistentes.
Con este programa, a Xunta pretende avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos municipais que teña en conta o principio de proximidade, xa que a fracción orgánica convértese en abono nas propias dependencias dos usuarios.
Saúdos, Departamento de Comunicación