- Ao seu programa de compostaxe doméstico adheríronse 299 entidades (186 concellos, 98 centros educativos e 15 colectivos sociais).
- No caso dos concellos, os composteiros foron entregados en vivendas unifamiliares que dispoñían de terreo no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo de reciclaxe da materia orgánica.
- Pero o labor de Sogama non se limita á dotación de medios materiais, senón que imparte cursos de formación presencial destinados aos usuarios, que complementa coa entrega de manuais didácticos de apoio, contando igualmente cun sitio web de apoio www.compostaconsogama.gal.
- As inquietudes e interese da empresa pública neste ámbito levárona a participar nun proxecto europeo de cooperación transfronteiriza denominado “Res2ValHum”, integrado no programa INTERREG V-A España Portugal (POCTEP) 2014-2020, cuxo obxectivo é precisamente poñer en valor a materia orgánica a través de diversas aplicacións e evitar o seu vertido.
Cerceda, a 15 de xullo de 2019.- No seu empeño por contribuír á recuperación da materia orgánica en orixe, Sogama puxo en marcha no seu momento un ambicioso programa de compostaxe doméstico ao que xa se adscribiron 299 entidades galegas, tendo repartido entre as mesmas máis de 10.300 compostadores de entre 340 e 350 litros de capacidade, e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
Se ben unha boa parte destes recipientes foron entregados, a través de 186 concellos das catro provincias galegas, en vivendas unifamiliares que dispoñen de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo da reciclaxe da materia orgánica, o certo é que distintos centros educativos (84) e colectivos sociais (15) tamén quixeron formar parte desta iniciativa co fin de poñer en valor os residuos orgánicos devolvéndoos á terra en forma de nutrientes.
Pero o cometido de Sogama non se limita unicamente á entrega de medios materiais, senón que, para garantir o éxito da iniciativa, imparte cursos de formación presencias destinados aos usuarios a fin de que apliquen a técnica de forma axeitada e teñan a oportunidade de resolver as súas dúbidas. Esta formación compleméntase coa entrega de manuais didácticos de apoio nos que se explica de forma pormenorizada o proceso e proporciónanse as claves para dar resposta ás preguntas habituais e corrixir posibles erros.
De forma adicional, a entidade puxo a disposición da cidadanía unha páxina web www.compostaconsogama.gal, a través da cal os interesados poden atopar información de utilidade e ata recursos divulgativos de apoio tales como vídeos e xogos.
No caso dos concellos, o seguimento do programa queda en mans do seu persoal, que visita periodicamente as vivendas incorporadas á iniciativa para verificar a operativa e solventar posibles incidencias.
BENEFICIOS EN FAVOR DA SOSTIBILIDADE
Entre os beneficios que reporta a compostaxe doméstica cabería destacar os propiamente ambientais, xa que, ao reciclar a materia orgánica nos propios fogares, que representa o 42% da composición media dunha bolsa tipo, minórase a entrega de residuos nos contedores convencionais, posibilitando unha redución na frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais e, por tanto, unha notable diminución das emisións de CO2 á atmosfera.
Así mesmo, os usuarios evitan a compra de fertilizantes artificiais, toda vez que obteñen un abono de primeira calidade con excelentes propiedades para o solo e, ademais, conseguen diminuír os desprazamentos que deben realizar aos contedores, xa que outras fraccións de refugallos tales como envases e papel/cartón poden almacenarse varios días na casa sen riscos de cheiros.
Adicionalmente, recupérase unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, aínda que dunha forma máis cómoda e hixiénica proporcionada polos composteiros.
TRASPASANDO FRONTEIRAS
As inquietudes e interese de Sogama neste ámbito levouna a participar nun proxecto europeo de cooperación transfronteiriza denominado “Res2ValHum”e que se integra no programa INTERREG V-A España Portugal (POCTEP) 2014-2020, sendo o seu obxectivo promover a correcta xestión dos residuos a través da valorización da materia orgánica, evitando o seu vertido.
Con esta iniciativa preténdese dar conta das vantaxes asociadas á recuperación da materia orgánica e as súas diversas aplicacións, que van máis aló do ámbito puramente agrícola ou como remediador de solos contaminados, podendo contar cun interesante potencial no ámbito da cosmética e accións terapéuticas diversas.
Ademais de SOGAMA, son socios do proxecto, por parte de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Centro de Valorización Ambiental do Norte, S.L (CVAN). E, por parte de Portugal, a Universidade do Minho, en calidade de líder, o Centro de Valorización de Residuos (CVR), o Servizo Intermunicipalizado de Xestión de Residuos de Grande Porto (LIPOR) e Valorización e Tratamento de Residuos Sólidos, S.A (BRAVAL).
Saúdos, Departamento de Comunicación