- Unha pequena parte dos recipientes foron entregados de forma directa por parte desta empresa pública a 5 concellos e 12 centros educativos e, os restantes, distribuíronse entre 81 entes locais, en colaboración coa Diputación provincial.
- En todos os casos impartiuse a correspondente formación a fin de que os usuarios conten cos coñecementos necesarios para elaborar un abono natural de alta calidade a partir dos restos orgánicos.
Cerceda, a 15 de setembro de 2020.- Sogama repartiu de forma gratuita máis de 3.100 composteiros na provincia de Ourense.
Unha pequena parte dos recipientes foron entregados de forma directa por parte da empresa pública a 5 concellos e 12 centros educativos, e o resto distribuíronse entre 81 entes locais adscritos ao programa de compostaxe doméstica que esta Sociedade leva a cabo en colaboración coa Deputación de Ourense.
Tanto nos concellos que forman parte do programa de autocompostaxe de Sogama coma nos adheridos ao promovido conxuntamente coa Deputación ourensá, impartiuse a correspondente formación a fin de que os usuarios conten cos coñecementos necesarios para elaborar un abono natural de alta calidade a partir dos restos orgánicos. Con isto, e máis aló das evidentes vantaxes ambientais que trae consigo esta iniciativa, poderán alcanzar interesantes beneficios económicos e sociais ao verse diminuída a cantidade de refugallos depositados no contedor verde convencional.
En todo caso, trátase de recuperar unha práctica tradicional no rural galego como é a separación dos residuos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
As familias que participan neste programa deben cumprir un dobre requisito: habitar en vivendas unifamilares e dispoñer de horta, xardín ou simplemente un pequeno terreo no que aplicar o compost resultante.
Os usuarios recibiron igualmente un manual didáctico de apoio no que se recolle toda a información sobre o programa e detállanse os pasos a seguir para que o abono obtido se axuste á normativa vixente e poida ser aplicado no solo con garantías e sen restricións.
Así mesmo, e para todos aqueles que queiran complementar os seus coñecementos neste ámbito, a empresa habilitou no seu momento un sitio web www.compostaconsogama.gal onde os internautas poden atopar recursos divulgativos en forma de manuais, videos, contidos online e xogos.
Saúdos, Departamento de Comunicación