- Monitores da empresa impartiron unha sesión formativa a veciños da localidade para explicar os pormenores da autoxestión da materia orgánica e a súa contribución á sostibilidade
Cerceda, a 27 de xuño de 2024.- Persoal de Sogama desprazouse ao concello pontevedrés de Salceda de Caselas para impartir unha sesión formativa sobre compostaxe doméstica e despexar as dúbidas e consultas dos veciños participantes nesta iniciativa.
O concello distribuíu recentemente 30 composteiros cedidos por esta empresa pública entre outras tantas familias e aos que se suman partidas anteriores, facendo un total de 165 os fogares que xa autoxestionan a súa materia orgánica a través do modelo Sogama.
No transcurso da sesión, explicouse a operativa a seguir para obter un compost de alta calidade que poida ser aplicado nos xardíns e hortas dos usuarios con absolutas garantías e sen restricións: desde a localización idónea do composteiro, ata a relación de refugallos que poden e non poden ser depositados no mesmo, o seguimento da temperatura, a humidade e o osíxeno, así como o control da mestura, xa que debe haber un equilibrio entre fracción seca e húmida.
O composteiro, con capacidade para 400 litros, supón un importante apoio ao proceso, facéndoo máis hixiénico, cómodo e eficiente.
Se ben o programa tenta recuperar unha práctica tradicional no rural galego, a pretensión é que esta se modernice e se asente como unha forma de previr a produción de residuos e reciclalos en orixe, evitando a súa recollida e transporte por parte dos servizos municipais, así como o seu posterior tratamento industrial.
Saúdos, Departamento de Comunicación