- Durante o encontro, no que estivo presente o Técnico de Asesoría Xurídica e Responsable de Seguridade de Sogama, José Manuel Pallas, perfiláronse as liñas a seguir na formación dos estudantes, orientada cara á Mecatrónica industrial.
- Esta empresa pública sufragará o importe das becas de dous alumnos/as, que serán incorporados ao réxime xeral da Seguridade Social e gozarán dun mínimo de 30 días naturais de vacacións cada ano.
- O período de formación arrincará o próximo 15 de setembro e culminará o 31 de agosto de 2022.
Cerceda, a 22 de xullo de 2020.- En días pasados, docentes do IES Monte Neme de Carballo (A Coruña) mantiveron unha reunión con representantes de Sogama e a compañía Valtalia a fin de deseñar e organizar as prácticas do seu alumnado no Complexo Medioambiental de Cerceda.
Cabe recordar que a colaboración entre as entidades referenciadas enmárcase nun convenio subscrito recentemente coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que contempla o desenvolvemento dun proxecto piloto de FP dual no que se combinará procesos de ensino no instituto carballés e nas propias instalacións de Sogama a fin de lograr que os estudantes adquiran as competencias necesarias para acceder ao mercado laboral con maiores oportunidades e garantías.
O proxecto curricular xirará en torno á Mecatrónica industrial, sendo a nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, concibida en liña coa industria 4.0 e xestionada por Valtalia, o escenario idóneo para que os mozos poidan aplicar os coñecementos adquiridos.
No transcurso do encontro, no que participou o Técnico de Asesoría Xurídica e Responsable de Seguridade de Sogama, José Manuel Pallas, perfiláronse as liñas a seguir na formación dos alumnos, actividades a desenvolver por cada parte e a dotación de medios.
Os portavoces do instituto (un dinamizador e dous profesores) mostraron o seu interese en realizar, en próximas datas, unha visita guiada ao Complexo cercedense a fin de coñecer con maior detalle o tratamento que reciben os residuos domésticos procedentes de 295 concellos galegos e as técnicas e tecnoloxías utilizadas para a súa correcta xestión.
O período de formación teórico-práctica iniciarase o próximo 15 de setembro e culminará o 31 de agosto de 2022. En total, 2.000 horas que se distribuirán entre o centro educativo (57%) e a empresa (43%).
Sogama acollerá a dous estudantes, aos que sufragará o importe das becas. Así mesmo, serán incorporados ao réxime xeral da Seguridad Social e gozarán dun mínimo de 30 días naturais de vacacións cada ano.
Nos últimos anos, máis dunha trintena de mozos/as de distintos perfís educativos realizaron prácticas pre-profesionais en Sogama con gran éxito.
Saúdos, Departamento de Comunicación