- Requisito fundamental é que as 50 vivendas que recibirán estes recipientes sexan unifamiliares e dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante.
- Os participantes recibirán manuais didácticos de apoio e persoal de Sogama encargarase de impartir un curso de formación para explicar a técnica a seguir e resolver dúbidas.
Cerceda, a 15 de xaneiro de 2021.- O Concello de Sarria (Lugo) decidiu ampliar o seu programa de compostaxe doméstica e para isto solicitou a colaboración de Sogama, quen subministrou ao ente local 50 composteiros domésticos (de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables) que, sumados ás 30 unidades entregadas por esta empresa pública anos atrás, fan un total de 80 os fogares que participan nesta iniciativa.
Requisito fundamental é que as vivendas sexan unifamiliares e dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante; un proceso permite autoxestionar a materia orgánica e pechar o círculo da súa reciclaxe, devolvéndoa ao solo en forma de abono natural de alta calidade.
Esta operativa trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais, á vez que permite recuperar unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación de restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
Tendo en conta que a materia orgánica representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se esta porcentaxe recibe tratamento na propia vivenda, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais e, con isto, o custo da súa xestión (recollida, transporte e tratamento final).
Os 50 veciños que participarán nesta nova fase recibirán manuais didácticos de apoio cedido por Sogama, que tamén se encargará de impartir un curso de formación, en data a acordar polas partes, no que se explicará a técnica a aplicar e resolveranse todas as dúbidas.
Adicionalmente, os interesados teñen á súa disposición unha páxina web específica www.compostaconsogama.gal na que poderán atopar distintos recursos de interese.
O seguimiento do programa levarase a cabo polo propio Concello a fin de comprobar a correcta execución do mesmo e a resposta dos participantes.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación