- O presidente executivo desta compañía pública, Javier Domínguez, asinou o pasado 6 de xuño o compromiso de adhesión nun acto oficial ao que asistiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez
- Con esta iniciativa preténdese situar a Galicia á cabeza das rexións europeas na loita contra o cambio climático, un dos principais retos aos que se enfronta a humanidade
Cerceda, a 28 de xuño de 2022.- Sogama súmase á Alianza Galega polo Clima mediante un compromiso asinado o pasado 6 de xuño polo presidente desta empresa pública, Javier Domínguez, no marco dun acto oficial celebrado a mesma semana na que Nacións Unidas conmemorou o Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño) e o Día dos Océanos (8 de xuño).
O evento contou coa asistencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ademais de representantes e portavoces do tecido empresarial galego, universidades, autoridades portuarias de Galicia e outras entidades, tanto públicas como privadas, dispostas a traballar xuntas por un futuro máis sostible para esta comunidade.
A pretensión última é situar a Galicia á cabeza das rexións europeas na loita contra o cambio climático, un dos principais retos aos que se enfronta a humanidade e unha seria ameaza, tal e como advertiu o presidente do goberno galego, tanto a nivel social como económico e ambiental.
Neste sentido, Alfonso Rueda sinalou que “É preciso traballar desde xa para os retos do agora, non para o futuro”, ao que engadiu “se non preparamos o presente, dificilmente poderemos preparar o futuro”. Para lograr resultados, precisou que “será necesario actuar unidos e coordinados entre as administracións, as empresas e os particulares porque se trata dun problema que require solucións inmediatas, de carácter global e local”.
Rueda lembrou tamén que hai moitas maneiras de contribuír a frear o cambio climático: “Fanno as industrias que modifican o seu sistema de produción para facelo máis eficiente e sostible; fanno as universidades cando investigan e deseñan sistemas para favorecer esa produción respectuosa co medio; e fanno as empresas que optan por produtos máis sostibles e ecolóxicos ou que desenvolven tecnoloxía que mellora e preserva a contorna”.
Pola súa banda, Ángeles Vázquez destacou as medidas adoptadas pola Xunta como é o caso da primeira Lei do Clima de Galicia, que está previsto aprobar a finais deste ano, a Estratexia galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, ou o Pacto de Alcaldías para o Clima, ao que están adheridos 285 concellos que aglutinan a 2,5 millóns de habitantes.
COMPROMISOS
Entre os compromisos formalizados o pasado 6 de xuño figura a asunción das liñas estratéxicas que se marcarán anualmente, ademais de establecer accións dirixidas a mitigar o cambio climático en Galicia; fomentar o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica na materia; promover e apoiar a investigación; e impulsar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxía para a transición cara a un modelo de economía descarbonizada de forma xusta e planificada.
Tal e como manifestou o presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, “A actividade desta empresa pública está perfectamente aliñada cos principios da Alianza Galega polo Clima e o noso propósito é contar en todo momento coas mellores tecnoloxías dispoñibles para que o tratamento industrial dos residuos urbanos se realice con absolutas garantías e de forma sostible, protexendo o medio ambiente e a saúde pública”.
Saúdos, Departamento de Comunicación