- Entre as 20:30 e as 21:30 horas do pasado sábado, 25 de marzo, o edificio de oficinas de Sogama e contorna quedou ás escuras como un xesto simbólico para chamar a atención sobre a problemática que trae consigo o cambio climático e a loita que debe librarse contra este fenómeno desde todas as frontes
Cerceda, a 27 de marzo de 2023.- O pasado sábado, 25 de marzo, Sogama sumouse á conmemoración da Hora do Planeta e apagou as luces da súa sede en Cerceda (A Coruña), tanto as propias do edificio de oficinas como as exteriores, co obxectivo de evidenciar o seu compromiso coa protección do medio ambiente e apoiar esta iniciativa mundial, que convida ás persoas, comunidades e empresas a desconectar as luces eléctricas non esenciais durante unha hora para poñer de relevo a necesidade de reducir o gasto enerxético e preservar os recursos naturais.
Así, entre as 20:30 e as 21:30 horas, a sede de Sogama e contorna quedou ás escuras como un xesto simbólico para chamar a atención sobre a problemática que trae consigo o cambio climático e a loita que debe librarse contra este fenómeno desde todas as frontes.
UN MOVEMENTO CON MÁIS DE 16 ANOS
Tras o seu nacemento en Sidney, en 2007, a Hora do Planeta fíxose un oco na axenda ambiental consolidándose, xa non como un símbolo, senón como un movemento global en defensa da contorna e o benestar e saúde das persoas. Esta acción busca xerar conciencia sobre a importancia de minorar o consumo enerxético e diminuír a pegada de carbono, lembrando que todos podemos adoptar medidas, por moi sinxelas e básicas que sexan, para coidar o noso planeta e promover a sostibilidade.
WWF (Fondo Mundial para a Natureza) advirte que os próximos 7 anos resultan cruciais para manternos dentro dos límites planetarios e por baixo do limiar climático de 1,5 °C; do contrario, pasaremos a un estado de degradación ambiental irreversible e cambio climático desbocado.
Máis de 200 países véñense sumando cada ano a esta xornada de reflexión sobre o quecemento global, tendo logrado a participación de empresas, organizacións e institucións de diversas características.
A Hora do Planeta 2023 alerta de que hai que actuar de forma rápida e decidida. Esta década debe ser o punto de inflexión onde recoñezamos o valor da natureza e prioricemos a súa recuperación xunto á do noso clima.
Baixo o lema "Apaga a luz e dálle unha volta ao planeta", esta xornada, non só anima aos participantes a apagar as luces, senón tamén a realizar outras actividades como a limpeza de praias, a plantación de árbores e mesmo a observación de estrellas.
Fonte: WWF
Saúdos, Departamento de Comunicación