- Esta iniciativa enmárcase na campaña “Recicla para gañar”, orientada ao persoal do Complexo Medioambiental de Cerceda, e na mesma colaboran as empresas Coregal e Candam Technologies
- Os contedores intelixentes, que están fabricados en Galicia, recoñecen en tempo real o tipo de envase depositado nos mesmos grazas a técnicas acústicas combinadas con algoritmos de IA, posibilitando que se premie a participación
- Por cada envase depositado nestes recipientes, o traballador recibirá 1 punto, e os que sumen máis puntos proclamaranse gañadores, sendo gratificados con cupóns trocables en metálico para gastar en establecementos do comercio local
- O presidente de Sogama subliñou que o obxectivo desta experiencia piloto, non só é gratificar, senón instaurar hábitos cotiáns de separación de residuos
Cerceda, a 10 de decembro de 2024.- Co lema “Recicla para gañar”, e dentro do programa interno de recollida selectiva de residuos instaurado no Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), Sogama, co apoio das firmas Coregal e Candam Technologies, quixo dar un paso adiante e testar o nivel de colaboración do persoal das súas instalacións ante a aplicación dun incentivo que gratifique ao usuario por contribuír a unha maior reciclaxe.
Con tal fin, colocou na súa infraestrutura cercedense dous contedores amarelos intelixentes, fabricados en Galicia e cedidos por Coregal, que, do mesmo xeito que os tradicionais desta cor, están destinados a acoller envases de plástico, latas e briks, pero cunha particularidade, e é que recoñecen en tempo real o tipo de envase grazas a técnicas acústicas combinadas con algoritmos de intelixencia artificial e, ademais, posibilitan que se premie a participación.
Premios
Para isto, os interesados deben descargar unha App, na que figuran as bases do concurso, e a través da cal se contabilizarán os puntos acumulados. Aqueles empregados que sumen máis puntos ao finalizar a promoción, recibirán cupóns trocables en metálico, que poderán gastar en establecementos de calquera dos concellos que conforman a Mancomunidade de Ordes, promovendo desta forma o comercio local. O primeiro premio estará dotado con 100 euros e, o segundo, con 50 euros.
Esta proba piloto pretende ser a antesala da implantación do contedor amarelo intelixente en concellos e outras entidades co fin de contribuír a incrementar os índices de reciclaxe e avanzar cara ao cumprimento dos obxectivos europeos.
A campaña, que arrincou o pasado 5 de decembro, terá unha duración de 6 meses e concluirá o 5 de xuño de 2025, Día Mundial do Medio Ambiente.
Cara a unha maior reciclaxe
A directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, foi a encargada de explicar os termos desta experiencia piloto, coa que se quere testear, por unha banda, o grao de acerto no depósito dos envases correspondentes ao contedor amarelo e, por outro, o papel que pode desempeñar o incentivo para unha maior participación na recollida selectiva de residuos.
Neste sentido, lembrou que o piloto se enmarca no programa de recollida selectiva implantado no Complexo cercedense e reforzado no seu momento a través dunha campaña formativa e de concienciación co fin de que todos os traballadores, con independencia do seu posto e cualificación, teñan as nocións básicas para cooperar no sistema.
Pola súa banda, o Conselleiro Delegado de Galega de Economía Social, Víctor Silva Suárez, puxo en valor este proxecto, que aglutina innovación tecnolóxica, protección ambiental e perspectiva social, mentres que o xerente de Coregal, Antonio Pena, deu a coñecer os pormenores da operativa do contedor intelixente e a dinámica a seguir.
O peche do acto veu da man do presidente de Sogama, Javier Domínguez, quen destacou que esta experiencia evidencia, unha vez máis, a aposta desta Sociedade polo incentivo e a educación ambiental, sendo o seu obxectivo, non só gratificar, senón instaurar hábitos de separación de residuos na vida cotiá. “A motivación sempre gaña a batalla á penalización e Recicla para Gañar pretende beneficiar ao medio ambiente e aos propios participantes para que todos salgamos gañando”, subliñou.
Saúdos, Departamento de Comunicación