- Mentres que na primeira onda xestionou 65.000 kg, na segunda esta cifra viuse incrementada nun 7,38%, alcanzando os 69.800 kg de refugallos sanitarios de baixo risco valorizados enerxeticamente.
- A operativa foi a mesma nos dous períodos, tendo habilitado unha planta provisional e específica onde estes materiais son triturados e acondicionados para ser transformados nun combustible CDR, contando para isto con persoal externo.
- A empresa levou a cabo este cometido a petición do Sergas e a través da Consellería de Medio Ambiente, quen expediu no seu momento a autorización administrativa correspondente.
Cerceda, a 7 de xaneiro de 2021.- Desde o pasado 23 novembro e ata o 18 de decembro, Sogama tratou no seu Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña) 69.800 quilos de residuos sanitarios de baixo risco (buzos, luvas, mascarillas desbotables e asimilables) procedentes de centros adscritos ao Sergas, un 7,38% máis que na primeira onda.
Xa entón o Servizo Galego de Saúde, ante a sobresaturación e falta de capacidade das instalacións encargadas expresamente do tratamento desta tipoloxía de refugallos, decidiu recorrer a Sogama, a través da Consellería de Medio Ambiente, para que asumise a xestión dos materiais de baixo risco.
Así, entre o 21 de abril e o 21 de maio, esta compañía pública, seguindo as instrucións ditadas no seu momento polo Ministerio de Sanidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica, e contando coa autorización administrativa da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, tratou 65.000 quilos de residuos destas características. Con tal fin, habilitou no seu complexo industrial cercedense unha planta específica e provisional, onde estes refugallos son triturados e acondicionados para convertelos nun combustible CDR, que é valorizado enerxeticamente na planta termoeléctrica a máis de 850ºC, temperatura que permite eliminar, coas máximas garantías medioambientais, patóxenos e outros axentes nocivos.
Sumando os dous períodos de máxima incidencia do coronavirus, Sogama eliminou, mediante a súa transformación en enerxía, 134.800 quilos de residuos sanitarios de baixo risco, evitando o seu depósito en vertedoiro; unha opción, a menos recomendable, da que tiveron que facer uso aquelas comunidades que non dispoñen de plantas de valorización enerxética de alta eficiencia.
Se ben o Goberno central contempla como tratamentos para esta fracción de residuos a valorización enerxética e o vertedoiro, dá preferencia á primeira, toda vez que verter estes residuos supón un risco para o medio ambiente e a saúde pública de primeira magnitude.
O modus operandi foi o mesmo nas dúas fases, contando a empresa cunha liña de tratamento para os residuos sanitarios que funciona de forma independente á dos urbanos, tendo contratado para isto a persoal externo que se rexe por horarios diferentes ao resto de traballadores, dispoñendo igualmente de vestiarios e zonas de descanso independentes a fin de minimizar o risco de contaxios.
Saúdos, Departamento de Comunicación