- Ante a sobresaturación das instalacións que viñan xestionando estes refugallos en Galicia, dada a elevada produción dos mesmos como consecuencia do Covid-19, o SERGAS solicitou a cooperación desta empresa pública para que materiais tales como luvas, buzos e mascarillas desbotables, xunto cos asimilables, recibisen ao mellor tratamento posible.
- Así se contempla nas instrucións do Ministerio de Sanidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica, nas que se barallan dúas opcións para o tratamento desta fracción: valorización enerxética ou vertedero, dando preferencia á primeira.
- A contención da pandemia en Galicia e a boa evolución da enfermidade na nosa comunidade, fixo posible unha notable redución da produción de residuos sanitarios, non resultando necesario nestes momentos a participación de Sogama no proceso, quen deixou de prestar este servizo onte, 21 de maio.
Cerceda, a 22 de maio de 2020.- O crecemento exponencial da xeración de residuos sanitarios no marco da pandemia do COVID-19, que alcanzou o seu pico máis alto a finais de marzo e principios de abril, e a sobresaturación das instalacións que, en Galicia, se viñan facendo cargo destes refugallos, levou ao SERGAS a solicitar, a través da Consellería de Medio Ambiente, a colaboración de Sogama para xestionar, nas mellores condicións, residuos sanitarios de baixo risco tales como buzos, mascarillas, luvas e asimilables.
Seguindo as instrucións do Ministerio de Sanidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica, que contemplaban dúas opcións para o tratamento desta fracción: valorización enerxética ou vertedoiro, o goberno autonómico decantouse pola primeira, dado o negativo impacto ambiental e para a saúde que suporía o vertido destes materiais.
XESTIÓN DIFERENCIADA E INDEPENDENTE
Nos últimos días, Sogama tratou máis de 65.000 quilos de residuos sanitarios de baixo risco procedentes de centros adscritos ao SERGAS. Para isto efectuou, nun tempo récord, unha adaptación técnica no Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), que consistiu na habilitación dunha instalación provisional na que estes refugallos son triturados e acondicionados para ser valorizados enerxeticamente na planta termoeléctrica a temperaturas superiores a 850ºC, garantindo así a destrución de patóxenos e outros elementos nocivos. Un proceso que, como non podía ser doutro xeito, lévase a cabo coas máximas garantías ambientais, toda vez que as instalacións desta empresa pública están dotadas con potentes e innovadores sistemas de control e de depuración de gases a través dos cales se posibilita que o seu labor industrial sexa perfectamente compatible coa protección da contorna e a saúde.
O tratamento da liña de sanitarios desenvolveuse de forma independente á dos urbanos, tanto desde o punto de vista loxístico e operativo como laboral, téndose contratado para isto a persoal externo, que en todo momento contou cos seus propios vestiarios, rexéndose por horarios diferentes aos do resto dos traballadores do Complexo, cos que tampouco compartiu zonas comúns.
CESE DESTE SERVIZO
A contención do Covid-19 en Galicia e a boa evolución da enfermidade, fixo posible que a produción de residuos sanitarios se reducira notablemente, non resultando necesario nestes momentos a participación de Sogama no proceso, quen deixou de prestar este servizo onte, 21 de maio. Non obstante, a compañía segue a disposición da Xunta de Galicia por se nalgún momento require da súa cooperación.
Tralo decreto do estado de alarma e, dado o seu carácter de servizo esencial, Sogama mantivo, e ata intensificou, con todas as medidas de protección e de seguridade, o seu traballo, que leva a cabo as 24 horas do día, para que os residuos urbanos producidos por máis de 2.242.000 habitantes que residen en 295 concellos se trataran de forma correcta e coa máxima eficiencia, evitando que un problema de saúde pública puidese verse agravado.
A súa rede loxística, conformada por 37 plantas de transferencia distribuídas polo conxunto do territorio galego, o transporte de residuos, por tren e estrada, e a operativa do seu Complexo Medioambiental, non pararon en ningún momento grazas á actividade e compromiso dos seus 500 traballadores directos e outros tanto indirectos.
Saúdos, Departamento de Comunicación