- O Director Xeral da FAO, Qu Dongyu, presentou recentemente unha iniciativa coñecida como Gran Muralla Verde para as Cidades, que suporía a creación de zonas verdes urbanas que se integrarían en actividades máis amplas de restauración da paisaxe.
- Prevese que, para 2030, a iniciativa axude ás urbes a crear ata 500.000 hectáreas de novos bosques urbanos e a restaurar ou manter ata 300.000 de bosques naturais existentes nas cidades do Sahel e Asia Central e nos seus arredores.
- Unha vez culminada, a Muralla podería capturar entre 0,5 e 5 xigatoneladas de dióxido de carbono (CO2) ao ano.
Cerceda, a 27 de setembro de 2019.- O Director Xeral da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura), Qu Dongyu, presentou recentemente unha iniciativa coñecida como Gran Muralla Verde para as Cidades, cuxo obxecto é apoiar solucións ao cambio climático baseadas na natureza. O anuncio desta acción realizouse con carácter previo ao Cume da Acción Climática celebrada esta mesma semana en Nova York.
Qu advertiu que a rápida expansión das cidades ten lugar sen o deseño do uso da terra, e a presión humana resultante causa efectos ambientais moi daniños. O problema é especialmente grave nas zonas áridas, onde se espera que os efectos do cambio climático aumenten a exposición a secas severas, tormentas de area e po, olas de calor, ventos furacanados, inundacións e esvaramentos de terra, con serios prexuízos para millóns de persoas.
A porcentaxe da poboación que vivirá nas cidades en 2050 será de case o 70%, e gran parte deste crecemento producirase en África e Asia. Sen a planificación do uso da terra, a rápida expansión das urbes pode causar impactos ambientais moi negativos, incluíndo a degradación da terra.
A Gran Muralla Verde para as Cidades baséase nos progresos realizados no ámbito do proxecto da Gran Muralla Verde do Sahara e o Sahel, e suporía a creación de zonas verdes urbanas que se integrarían en actividades máis amplas de restauración da paisaxe.
A FAO, xunto cos seus socios, ten como obxectivo apoiar alomenos a tres cidades de cada un dos 30 países de África e Asia.
RESULTADOS ESPERADOS
Prevese que, para 2030, esta iniciativa axude ás cidades a crear ata 500.000 hectáreas de novos bosques urbanos e a restaurar ou manter ata 300.000 hectáreas de bosques naturais existentes nas cidades do Sahel e Asia Central e nos seus arredores.
Unha vez terminada, a Muralla podería capturar entre 0,5 e 5 xigatoneladas de dióxido de carbono (CO2) ao ano.
Esta gran infraestrutura ecolóxica reducirá os custos de prevención e tratamento dos efectos do cambio climático, á vez que mellorará o benestar dos cidadáns.
Se se xestionan de xeito correcto, os bosques e árbores urbanas poden facer descender a temperatura do aire ata 8 °C, rebaixar os custos do aire acondicionado ata nun 40%, reducir os fluxos de augas pluviais e mellorar a calidade do aire, filtrando o po e os axentes contaminantes.
Fonte: FAO
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación