- Líderes mundiais debaterán sobre o papel da natureza nos esforzos para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
- Un informe de 2019 elaborado por IPBES, revelou que a maior parte da natureza foi significativamente alterada en todo o mundo por mor de distintas actividades humanas, atopándose en rápido declive a maioría dos ecosistemas e a biodiversidade que estes sosteñen.
- No marco da cuarta asemblea, celebrada o pasado ano e na que se deron cita 4.700 delegados, os Estados Membros adoptaron 23 resolucións diferentes relacionadas coa contaminación por plásticos, o desenvolvemento sostible e a redución de emisións, entre outras.
Cerceda, a 23 de marzo de 2020.- Nun momento no que o mundo debe tamén facer fronte á urxencia climática, a importancia das solucións baseadas na natureza faise cada vez máis evidente. Así, e baixo o lema “Fortalecer a acción pola natureza para lograr os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible", celebrarase a quinta sesión da Asemblea das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, que terá lugar en Nairobi (Kenia), do 22 ao 26 de febreiro de 2021.
O ministro de Clima e Medio Ambiente de Noruega, Sveinung Rotevatn, foi elixido presidente da Asemblea e, con tal motivo, sinalou que "A natureza é a base para alcanzar os ODS e non podemos permitirnos perdela”, ao que engadiu “Con máis natureza, viviremos mellores vidas”.
Un informe de 2019 elaborado pola Plataforma Intergubernamental Científico-Normativa sobre Diversidade Biolóxica e Servizos dos Ecosistemas (IPBES), revelou que a maior parte da natureza foi significativamente alterada en todo o mundo por mor de distintas actividades humanas, atopándose en rápido declive a maioría dos ecosistemas e a biodiversidade que estes sosteñen.
Ao respecto, o Secretario Xeral da ONU, António Guterres, manifestou que a humanidade parece ter esquecido canto necesitamos a natureza para a nosa supervivencia e benestar. “A medida que a nosa poboación e as nosas necesidades continúan crecendo, seguimos explotando os recursos naturais, incluídas as plantas e animais silvestres e os seus hábitats, dun xeito insostible”.
Máis de 4.700 delegados, entre estes ministros de medio ambiente, científicos, académicos, líderes empresariais e representantes da sociedade civil, déronse cita en Nairobi en 2019 con motivo da cuarta Asemblea da ONU para o Medio Ambiente. Os Estados Membros adoptaron 23 resolucións diferentes relacionadas coa contaminación por plásticos, o desenvolvemento sostible e a redución de emisións, entre outras.
En 2021, a quinta sesión ofrecerá un espazo clave para facer un balance dos últimos desenvolvementos en políticas e accións ambientais, así como para impulsar transformacións reais co fin de abordar a crise climática.
Fonte: ONU
Imaxe: Pixabay